Tres siglas, a mesma propaganda: o autobombo non paga o alugueiro

A CIG Administración denuncia que UGT, CCOO e CSIF presentan o acordo salarial como unha conquista mentres o persoal público continúa perdendo poder adquisitivo e agarda unha verdadeira garantía salarial vinculada ao IPC.
Venres, 20 Nov 2026

 

A CIG Administración denuncia que UGT, CCOO e CSIF presentan o acordo salarial como unha conquista mentres o persoal público continúa perdendo poder adquisitivo e agarda unha verdadeira garantía salarial vinculada ao IPC.

UGT, CCOO e CSIF volven competir por atribuírse os méritos dun acordo salarial que están a presentar como unha gran conquista. Cada organización constrúe o seu propio relato: unha anuncia a subida, outra destaca que o Goberno atende as súas esixencias e outra asegura que o acordo avanza.

Pero, máis alá da propaganda e das medallas, hai unha pregunta que segue sen resposta: quen paga as facturas e quen compensa a perda de poder adquisitivo do persoal público?

Desde a CIG Administración consideramos que cobrar atrasos ou percibir os incrementos previstos nun acordo non pode presentarse como unha vitoria extraordinaria. O salario gañámolo traballando e non é ningún agasallo das organizacións sindicais nin do Goberno.

Mentres tanto, o custo da vida continúa medrando, o acceso á vivenda convértese nun problema cada vez maior e os salarios públicos seguen sen contar cunha garantía efectiva que impida novas perdas de poder adquisitivo.

Non precisamos máis campañas de autobombo. Precisamos compromisos concretos e resultados que se noten nas nóminas.

A CIG leva tempo defendendo unha reivindicación fundamental: unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC real que permita manter o poder adquisitivo e recuperar o perdido durante estes anos.

A defensa dos servizos públicos tamén pasa por defender as condicións laborais e salariais de quen os sostén cada día.

Menos propaganda. Menos medallas. Máis salario e máis dereitos.