Vixilancia Aduaneira comparada coa Garda Civil e a Policía Nacional: teñen un específico singular que non hai noutras administracións

Mércores, 25 Nov 2026
A Garda Civil e a Policía Nacional cobran un específico singular a maiores

A Dirección da AEAT presume de ser a elite funcionarial do estado español. Alardea da especialización e actualización constante que exixe ao seu persoal. Porén, esta exixencia de formación non se retribúe de maneira xusta e digna.

A realidade retributiva da AEAT non se corresponde nin coas tarefas que foi asumindo nin coa realidade social e económica de 2026. O persoal da AEAT perdeu un 12,75 % de poder adquisitivo dende xaneiro de 2020 (IPC ata setembro de 2026, avance do INE) e a suba salarial de 2026 é do 1,5 %. Os complementos específicos seguen nos importes de 2007.

En Vixilancia Aduaneira (VA) a situación é a mesma. Un axente de investigación entra cun específico de 9.256 € ao ano e un axente marítimo, de 10.263 €. Na RPT da AEAT en Galiza hai 315 postos de axente de VA (C1): 129 de investigación, 182 marítimos e 4 aéreos. Case dous de cada tres (204) están nos tramos 1 a 3, entre 8.725 € e 12.162 € de específico.

Entendendo que son corpos diferentes, con tarefas e funcións distintas e mesmo dependentes de administracións diversas, quixemos comparar as retribucións coas que perciben postos similares na Garda Civil e a Policía Nacional. O seu complemento específico ten dúas partes: o compoñente xeral, fixo por emprego (7.440 € ao ano para un garda civil ou un policía nacional en 2026, 8.496 € para un cabo, 9.456 € para un cabo primeiro e 9.588 € para un oficial de policía), e o compoñente singular, ligado ao posto, que non existe noutras administracións e que forma parte do seu complemento específico. O singular paga a dificultade técnica, a responsabilidade, a perigosidade ou a penosidade de cada posto, fíxase posto a posto no catálogo e os seus importes non son públicos.

Ademais, teñen outros complementos tampouco públicos: a produtividade estrutural, a produtividade por actividade extraordinaria (que inclúe o servizo en buques oceánicos, de altura e patrulleiras medias do Servizo Marítimo da Garda Civil), a produtividade por obxectivos, as gratificacións por servizos extraordinarios e as indemnizacións por residencia, servizo e vestiario.

Os datos din o seguinte:
  • Só co compoñente xeral, o garda civil e o policía de entrada (7.440 €) quedan un 20 % por debaixo do axente de investigación 1 de VA (9.256 €). Pero falta o singular.
  • Cunha estimación media non oficial do singular, o total ao ano queda entre 9.840 € e 11.040 € para un garda civil de seguridade cidadá (entre un 6 % e un 19 % máis ca VA investigación 1), entre 10.440 € e 12.000 € para un policía nacional operativo ordinario (entre un 13 % e un 30 % máis), entre 11.640 € e 13.440 € nas especialidades técnicas da Policía Nacional, e entre 14.040 € e 15.840 € nas unidades de intervención e elite. No Servizo Marítimo da Garda Civil, entre 12.240 € e 15.240 € (entre un 32 % e un 65 % máis).
  • O axente de VA ten nivel de destino 18, comparado co 17 do garda civil e do policía.
  • As retribucións da Garda Civil e da Policía Nacional son máis altas, e aínda faltan as produtividades e gratificacións, que se suman.
Nota: o compoñente xeral é de follas de soldos non oficiais contrastadas co RD 950/2005. O singular é unha estimación media non oficial, porque os importes reais non son públicos.