XUNTANZA ACLARATORIA SOBRE O PROCESO DE REORGANIZACIÓN, FASE III

Martes, 28 Out 2025

Este martes, 28 de outubro, tivo lugar unha reunión das OOSS coa DX para aclarar as numerosas dúbidas que todas/os temos sobre como se vai desenvolver o proceso de reorganización das grandes vilas. Tal e como lle solicitamos, a Administración vai publicar un documento coas respostas ás máis frecuentes, pero facémosvos chegar un adianto dalgunhas, dada a gran preocupación existente :

- Vaise publicar nos próximos días o resultado dos formularios remitidos polas letradas e letrados. Se alguén non está de acordo, pode facerllo saber á DX, remitindo probas de que o labor que está a desenvolver non é o que figura no documento EXCEL que se vai a publicar.

- Tamén vaise facer pública a porcentaxe que cada tipo de órgano vai achegar a cada área; é dicir, cantas prazas da área de execución civil, familia, mercantil, contencioso e social van proceder dos xulgados do civil, cantas de mercantil, cantas de familia, cantas de contencioso e cantas de social.

- A semana que ven vaise habilitar na OPAX un formulario no que se vai preguntar se nos queremos confirmar no que o EXCEL pon (en tramitación ou en execución). Se o EXCEL pon que tramitamos e executamos, o formulario pregunta en cal das dúas te queres confirmar. Polo tanto, todo o persoal entra no proceso de confirmación á vez. Non por só facer unha cousa hai preferencia.

- Se polos números que dean as porcentaxes se detectara que hai máis xente que fai esa función, segundo os EXCEL, que prazas nesa área, podemos non confirmarnos, é dicir, se hai 4 prazas para tramitación penal e somos 8 as persoas que tramitamos en penal, podemos non confirmarnos se queremos ir a reordenación (por exemplo porque queramos execución).

- O persoal dos Instrucións que actualmente levan VSM en Compostela e Ourense van recibir un NOTIFIC@ no que lles van a preguntar se queren confirmarse en prazas de código VSM (violencia sobre a muller) ou nas de código GA (gardas).

- A xente que se xubile antes do 30/12/2025 non entra no proceso de reorganización. A que o fai o 31/12/2025 si

- O tempo que se vai ter en conta no proceso de confirmación é o que levas no posto actual (dende a resolución de outorgamento de destino). No proceso de reordenación é o que levas no centro de destino (por exemplo, se estás nun civil e antes estiveches noutro civil súmáseche o tempo).

- Nas áreas de tramitación penal tamén vai haber porcentaxe para persoal procedente de Instrución, é dicir, aínda que haxa o mesmo número de prazas de código GA que persoas están actualmente neses xulgados, puidera ser que persoal dos Xulgados do Penal, Vixilancia ou Menores ocupasen finalmente unha desas prazas. Quen quede fora poderá seguir facendo gardas igualmente.

AUDIENCIAS PROVINCIAIS: como só se executa na sección penal, o persoal de civil vai confirmar no Servizo de Tramitación, e en penal vai haber unha porcentaxe que vaia para o Servizo de Execución.

SERVIZO DE APOIO: O persoal destes servizos irá a reordenación, téndoselle en conta o tempo traballado no centro de destino, que será o Decanato. Con esa antigüidade poderán pedir todas as prazas que se oferten na reordenación, é dicir, as que queden libres despois da confirmacion. Con ese tempo optan a todas elas en igualdade de condicións ao resto do persoal.

SITUACIÓNS ESPECIAIS:

- As prazas singularizadas que por algunha razón non sexan ocupadas efectivamente, cubriranse por substitución horizontal.

- O persoal que non teña tomado posesión do posto outorgado por concurso, por atoparse de baixa, terase en conta, a estos efectos, no posto adxudicado.

- Corpo de auxilio xudicial: quen faga labores de Rexistro Civil confírmase nesa Oficina. Quen estea en VSM ou en Instrución (código GA) confírmase nesas prazas. O resto no Servizo Común Xeral (salvo Secretaría de Goberno). O persoal de auxilio dos servizos de apoio de Decanatos e TSXG van para o SCX; queda por concretar, porque as instrucións non son claras ao respeto, se é por confirmación ou por reordenación. A diferencia pode ser importante naqueles casos en que haxa prazas de auxilio novas (Rexistro Civil) ou vacantes en prazas con código VSM (Violencia) ou GA (Gardas).