A CIG DENUNCIA A SITUACIÓN INSOSTIBLE QUE SOFRE O PERSOAL DO TRIBUNAL DE INSTANCIA DE VILAGARCÍA
A CIG remitiu hoxe á Dirección Xeral de Xustiza unha denuncia pola grave situación que está a padecer o persoal funcionario dos Tribunais de Instancia de Vilagarcía de Arousa, sometido a unha importante sobrecarga de traballo e a unhas condicións laborais que están a poñer en risco a súa saúde e o correcto funcionamento do servizo público de xustiza.
A organización sindical advirte de que o actual sistema de garda de dispoñibilidade está a converterse, na práctica, nunha garda de permanencia encuberta. O persoal está a saír habitualmente das gardas arredor das 20:00 horas, prolongando a súa xornada de maneira continuada e asumindo unha carga laboral que non pode seguir normalizándose.
A situación chegou a extremos preocupantes, con casos nos que persoas funcionarias finalizaron gardas de madrugada e tiveron que reincorporarse ao posto de traballo ao día seguinte sen que se garantisen os descansos necesarios.
A CIG lembra que xa solicitou no Comité de Seguridade e Saúde a realización dun informe psicosocial que permita avaliar a carga de traballo e os riscos derivados desta situación, e reclama á Dirección Xeral de Xustiza a adopción inmediata de medidas.
Desde a central sindical esíxense un incremento da dotación no cadro de persoal, unha reorganización do servizo e unha revisión do sistema de gardas para garantir condicións laborais dignas e acabar cunha situación que o persoal xa considera insostible.
A Administración non pode seguir cubrindo as súas carencias organizativas co esforzo e o sacrificio das persoas traballadoras. A defensa dun servizo público de xustiza de calidade pasa tamén por respectar os dereitos laborais de quen o fai posible.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal