CURSOS CELGA E LINGUAXE ADMINISTRATIVA ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN

ESCOLAS OFICIAIS DE IDIOMAS SEGUNDO CUADRIMESTRE
Domingo, 12 Nov 2023

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 13 ao 24 de novembro de 2023

Para realizar a preinscrición deberémola facer a través da seguinte ligazón:

http://www.eoidigital.com/preinslinguagalega

Instrucións para facer a preinscrición

  • Encher todos os campos obrigatorios (marcados cun *).
  • Imprimir o resgardo que proporciona a aplicación porque é o comprobante da preinscrición.
  • Asegurarse de que no momento de facer a matrícula poderase acreditar con documentos todos os datos achegados na preinscrición porque se non é así, perderase o dereito a formalizala.
  • primeira vez que se accede á aplicación para facer a preinscrición, seleccionar o botón Dar de alta.
  • Se non é a primeira vez que se accede á aplicación, porque xa se fixo a preinscrición, pero se quere modificar os datos (antes do fin do prazo de preinscrición) ou consultar a asignación de prazas (unha vez feita a adxudicación), seleccionar o botón Identificación e entrar co mesmo contrasinal.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo. 

O día 28 de novembro o alumnado poderá consultar na aplicación web se foi admitido. Se resulta admitido, deberá formalizar a matrícula na aplicación e presentar a documentación.

Alumnado con necesidades educativas especiais: O alumnado con necesidades educativas especiais indicará na súa solicitude a acreditación do seu grao de discapacidade. A EOI poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes da xefatura territorial respectiva para que se determinen as adaptacións pertinentes.

CURSOS CELGA

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega. 

As persoas solicitantes destes cursos poderán facer unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con tres preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, o/a alumno/a deberá optar por un só curso nunha soa escola.

Cada curso terá unha duración de 60 horas lectivas. A realización do curso non dará dereito a ningún tipo de certificación, por tratarse dun curso preparatorio para as probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega Celga, cuxa expedición lle compete á Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Asignación das prazas 

Os cursos Celga terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25. Se un curso ten un número de solicitantes que cumpran os requisitos maior que o número de prazas dispoñibles, a asignación farase por sorteo. Para a asignación de prazas o sistema informático obterá un número de corte por curso a partir do cal se asignarán as vacantes dispoñibles, este número obtense aleatoriamente entre todos os números asignados a cada solicitante dese curso. 

CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería Educación, Universidade e Formación Profesional e o persoal sanitario.

Toda persoa solicitante deberá encontrarse en situación de servizo activo, permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento, ou ben en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familia. As persoas que ao inicio do curso se atopen en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedarán automaticamente excluídas da listaxe do persoal seleccionado. 

  • Nivel medio: Os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria. 
  • Nivel superior: Os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas. 

Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos nos parágrafos anteriores. Neste suposto só se poderá optar ás prazas ofertadas para cada curso no caso de que estas non sexan cubertas por empregados/as públicos/as. 

As persoas solicitantes destes cursos poderán facer unha única solicitude de inscrición por cuadrimestre con dúas preferencias priorizadas de grupos. En caso de adxudicación de praza en máis dun curso, o/a alumno/a deberá optar por un só curso nunha soa escola. 

Presentación da documentación 

Unha vez rematado o proceso de asignación de prazas, a documentación presentarase telematicamente desde o enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega (o mesmo da preinscrición). As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As escolas poderanlle solicitar ao alumnado a presentación dos documentos orixinais para o cotexo da copia electrónica presentada. De ser ese o caso, a falta de presentación destes documentos no prazo establecido dará lugar á exclusión da persoa solicitante previamente seleccionada e a escola poderá dispor da súa praza para ser ocupada pola persoa correspondente da lista de espera.

  • O prazo para a presentación da documentación será ata o 1 de decembro de 2023.

Documentación a presentar

  • Unha copia do DNI ou NIE. 
  • O certificado de discapacidade, de ser o caso. 
  • Para o medio ou superior, xustificante de ser persoal das diferentes administracións públicas de Galicia en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar. 
  • Para o curso medio de linguaxe administrativa, algún dos certificados establecidos no número 3 do punto décimo desta resolución. 
  • Para o curso superior de linguaxe administrativa, algún dos certificados establecidos no número 4 do punto décimo desta resolución. 

O alumnado admitido nestes cursos deberá activar correctamente unha conta de usuario «edu», con carácter previo á data de inicio do curso e dentro do prazo que fixe a coordinación dos cursos. De non facelo así, será excluído do curso e incluirase a persoa correspondente da listaxe de agarda. 

Os cursos comezarán o 19 de febreiro de 2024 e rematarán o 28 de abril de 2024.


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cig.acoruna@xustiza.gal
  • Compostela:
    639 865 917
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    cig.pontevedra@xustiza.gal
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal