INFORMACIÓN SOBRE A REUNIÓN MANTIDA HOXE CO SECRETARIO COORDINADOR DE PONTEVEDRA
Tras a reunión celebrada no día de hoxe co secretario coordinador provincial de Pontevedra, trasladóuselle a necesidade de que, no ámbito das súas competencias, inste e coordine coa Dirección Xeral de Xustiza a adopción de medidas que permitan dotar de maior flexibilidade a cobertura das baixas e axilizar a incorporación do persoal substituto, co fin de evitar demoras e garantir un funcionamento máis eficaz dos órganos xudiciais.
Así mesmo, abordáronse as necesidades de dotación de persoal existentes no conxunto dos órganos xudiciais da provincia de Pontevedra, incidindo na importancia de que estas sexan trasladadas e impulsadas perante a Dirección Xeral de Xustiza para dar resposta ás carencias actuais.
Tamén se tratou a problemática existente nos xulgados de Ponteareas e Vilagarcía de Arousa en relación coa implantación da Lei de Eficiencia. Púxose de manifesto que, ademais dos cambios derivados da nova organización, nestes partidos xudiciais concorren outras circunstancias que deberán ser obxecto de avaliación, entre elas as relacionadas co clima laboral.
Do mesmo xeito, informouse de que xa se deu traslado á Dirección Xeral da solicitude de realización de informes psicosociais, tanto respecto dos xulgados de Ponteareas e Vilagarcía de Arousa como do resto dos tribunais da provincia de Pontevedra.
Igualmente, trasladáronse as dificultades que continúan existindo coa implantación do obxectivo de «papel cero», xa que, a pesar das directrices establecidas, seguen producíndose incidencias e problemas operativos que dificultan o seu correcto funcionamento.
Así mesmo, solicitóuselle que traslade e impulse perante a Dirección Xeral de Xustiza a necesidade de abordar o problema que continúa existindo coa formación do persoal de nova incorporación, promovendo unha adecuada coordinación e a adopción das medidas necesarias para garantir unha formación suficiente e adaptada ás necesidades do servizo.
En relación co protocolo interno dos Servizos Comúns, e tras formular a correspondente consulta, trasladóusenos que xa se está a traballar de maneira progresiva na definición duns parámetros comúns que permitan homoxeneizar a organización e o funcionamento destes servizos.
Así mesmo, abordouse a situación do Xulgado de Redondela, poñendo de manifesto a necesidade de substituír o equipamento instalado na sala de vistas. Inicialmente este sistema estaba destinado exclusivamente aos procedementos de violencia sobre a muller, pero na actualidade emprégase tamén para a práctica de declaracións nos ámbitos civil e penal, polo que resulta insuficiente para as necesidades actuais.
Igualmente, expúxose a necesidade de procurar unha solución á sobrecarga de traballo existente no Decanato de Redondela, xa que un único funcionario do corpo de Auxilio Xudicial asume tanto as funcións propias do Decanato como o resto das tarefas asignadas, circunstancia que repercute negativamente na organización e no funcionamento do servizo.
Por outra banda, trasladóusenos o avance que supón a sincronización entre eFidelius e Minerva, operativa desde o pasado 18 de xuño. Trátase dunha reivindicación que este sindicato vén mantendo desde hai tempo, ao considerar que a falta de sincronización entre ambos sistemas dificultaba considerablemente o traballo do corpo de Auxilio Xudicial. Cómpre lembrar que o propio secretario coordinador xa nos trasladara nunha reunión anterior o seu compromiso de impulsar esta medida para facer posible a súa implantación. Informouse de que a súa posta en funcionamento se está realizando de maneira progresiva, tras unha fase transitoria, seguindo a seguinte orde: Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Lalín e Ponteareas, estando prevista a súa extensión ao resto dos órganos xudiciais da provincia.
Finalmente, informouse de que está en previsión, aínda que sen confirmación definitiva, a futura implantación de WASMIN (Servizo Web do Sistema de Xestión Procesual Minerva), valorándose a posibilidade de que Ourense sexa a provincia piloto durante o vindeiro mes de setembro. De materializarse, esta ferramenta suporía un importante avance na interoperabilidade entre Minerva e outros sistemas, xa que permitiría establecer comunicacións bidireccionais. Ata o de agora existía, na práctica, unicamente unha canle de saída da información, mentres que WASMIN permitiría realizar itinerancias electrónicas directamente desde Minerva cara a outros organismos, como o Rexistro da Propiedade, así como a descarga de expedientes administrativos e a práctica de notificacións electrónicas, mellorando de maneira significativa a tramitación e a eficiencia do servizo.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal