SOLICITUDE DE INSTALACIÓN DE ARCOS DETECTORES NOS TRIBUNAIS DE INSTANCIA QUE ACTUALMENTE NON O TEÑEN

Venres, 12 Xun 2026

Desde a central sindical CIG, ao abeiro do compromiso asumido pola Xunta de Galicia respecto do cumprimento íntegro da planificación prevista para a implantación progresiva de arcos de seguridade nos edificios xudiciais, vimos expoñer o seguinte:

Primeiro.- Que a seguridade dos edificios xudiciais constitúe unha obriga esencial das administracións públicas competentes, tanto para garantir a integridade física do persoal ao servizo da Administración de Xustiza como dos profesionais e da cidadanía que acceden diariamente ás sedes xudiciais.

Segundo.- Que a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, establece o deber das administracións públicas de garantir a seguridade e saúde dos traballadores nos aspectos relacionados co traballo, adoptando as medidas preventivas necesarias para eliminar ou minimizar os riscos existentes.

Terceiro.- Que o Convenio entre o Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia en materia de seguridade nos edificios da Administración de Xustiza en Galicia, prorrogado e modificado mediante Resolución da Secretaría Xeral Técnica do Ministerio do Interior de 10 de xaneiro de 2023, establece mecanismos de cooperación para garantir a seguridade das sedes xudiciais galegas.

Cuarto.- Que a Xunta de Galicia anunciou publicamente a implantación progresiva de arcos detectores de metais e doutros sistemas de control de accesos nos edificios xudiciais de Galicia. En particular, fixo constar que o arco detector instalado no edificio xudicial de Cambados o día 3 de outubro de 2023 constituía o primeiro dispositivo destas características colocado nun partido xudicial distinto das sete cidades galegas, manifestando igualmente a súa intención de ampliar esta medida ao resto das sedes xudiciais de Galicia.

Quinto.- Que, pese ao tempo transcorrido desde a aprobación, publicación e posta en marcha do plan de implantación progresiva de sistemas de control de accesos mediante arcos detectores de metais nas sedes xudiciais de Galicia, continúan existindo edificios xudiciais nos que tales sistemas de seguridade non foron instalados.

Sexto.- Que esta situación xera unha evidente desigualdade entre os distintos órganos xudiciais da Comunidade Autónoma, ao non dispoñer todos eles das mesmas medidas de protección, prevención e control fronte aos riscos que poidan afectar á seguridade das persoas que desenvolven a súa actividade profesional ou acceden diariamente a ditas dependencias.

Polo exposto,

SOLICITAMOS:

  1. Que se informe do estado actual de execución do plan de implantación de arcos detectores de metais e demais sistemas de control de accesos nas sedes xudiciais de Galicia.

  2. Que se facilite copia do cronograma, planificación, documentación técnica, informes de seguimento ou calquera outro documento vixente relativo á implantación progresiva destes sistemas de seguridade nos edificios xudiciais de Galicia.

  3. Que se identifiquen as sedes xudiciais nas que actualmente non estean instalados arcos detectores de metais, indicando así mesmo a previsión temporal existente para a súa instalación e posta en funcionamento.

  4. Que se adopten as medidas necesarias para garantir o cumprimento efectivo da planificación prevista, procedendo á instalación de arcos detectores de metais en todalas sedes xudiciais que aínda carezan deles, con carácter prioritario, ata acadar unha cobertura homoxénea e suficiente en todo o territorio de Galicia.

Para ver o xustificante de presentación preme na ligazón:


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cig.acoruna@xustiza.gal
  • Compostela:
    639 865 917
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    cig.pontevedra@xustiza.gal
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal