SOLICITUDE DE MELLORA DOS MEDIOS DIXITAIS PARA ACREDITAR A CORRECTA LECTURA DO CÓDIGO QR DO DNIe

Mércores, 27 Mai 2026

Desde a Central sindical CIG denunciamos que, actualmente, moitos cidadáns utilizan a acreditación identificativa do DNI no teléfono móbil para realizar trámites e dilixencias nas oficinas do Rexistro Civil.

Que os medios tecnolóxicos dispoñibles nalgunhas oficinas non resultan adecuados para garantir unha atención eficiente, segura e adaptada á realidade dixital actual, xa que o persoal funcionario, debido á distancia existente entre o mostrador de atención ao público e o equipo informático de traballo, vese na necesidade de levantarse e coller directamente o teléfono móbil do usuario para aproximar o código QR á cámara do ordenador e permitir así a lectura e validación do documento.

Que esta situación pode ocasionar incidencias ou danos involuntarios, tales como a caída accidental do dispositivo móbil durante o seu traslado ou manipulación, ademais de xerar incomodidade tanto para os cidadáns como para o persoal funcionario. Tampouco se lle pode obrigar ao cidadán a entregar o seu dispositivo para trasladalo ata o noso posto de traballo pero si estamos obrigados a aceptar ese método de identificación.

Que, ademais, as cámaras integradas nos equipos informáticos presentan frecuentemente problemas de funcionamento e dificultades para detectar correctamente os códigos QR ou os documentos dixitais, o que provoca atrasos na atención ao público e fai necesario, en numerosas ocasións, solicitar asistencia técnica ao CAU para resolver as incidencias. Os problemas de funcionamento principalmente veñen motivados pola baixa calidade de resolución das cámaras e a iluminación das oficinas que provoca reflexos nas pantallas dos dispositivos, resultando imposible a lectura dos códigos.

Que os funcionarios do Rexistro Civil teñen, efectivamente, a facultade de comprobar a identidade do comparecente no exercicio das súas funcións. Non obstante, o que se cuestiona neste caso non é a lexitimidade da comprobación da identidade, senón a necesidade e proporcionalidade de que o persoal funcionario teña que manipular fisicamente un dispositivo móbil privado do cidadán para efectuar dita verificación, cando esta podería realizarse mediante unha comprobación visual ou mediante dispositivos lectores situados na propio mostrador de atención.

Que esta práctica resulta dificilmente conciliable co principio de minimización de datos recollido no artigo 5.1.c do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD/RGPD), ao implicar unha interacción innecesaria cun dispositivo persoal do cidadán, sen que exista unha habilitación normativa expresa que ampare especificamente dita manipulación física do terminal privado por parte da Administración.

Por todo o exposto e co fin de mellorar a calidade do servizo público, garantir unha correcta adaptación aos novos sistemas de identificación dixital e evitar riscos innecesarios, SOLICITAMOS  a instalación de lectores QR independentes ou cámaras USB externas nos mostradores de atención ao público de todas as oficinas do Rexistro Civil, co fin de evitar  incidencias técnicas reiteradas, mellorar a seguridade, e reducir os tempos de espera e polo tanto incrementar  a eficiencia e a calidade da atención ao cidadán. 

Para consultar o xustificante de presentación preme na ligazón:


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cig.acoruna@xustiza.gal
  • Compostela:
    639 865 917
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    cig.pontevedra@xustiza.gal
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal