A ADMINISTRACIÓN SEGUE IMPROVISANDO, CAMBIA A RESOLUCIÓN HORAS DESPOIS DE APROBALA

Martes, 30 Xun 2026

Apenas unhas horas despois de remitir ás organizacións sindicais a Resolución definitiva do novo sistema de produtividade e a resolución cos obxectivos para o segundo semestre de 2026, a Dirección Xeral da Administración Xeral do Estado no Territorio vén de comunicar novas modificacións do texto xa asinado.

Este feito confirma o que a CIG leva denunciando desde o inicio deste proceso, unha falsa negociación, improvisada e pechada en falso, na que a Administración preferiu aprobar a resolución antes de rematar de revisala e depurala.

O novo correo recibido hoxe informa de dúas modificacións de última hora:

Modifícase a Disposición Transitoria Única, permitindo excepcionalmente manter o complemento transitorio nalgúns postos cando existan dificultades para cubrir persoal, remitindo ademais a unha futura resolución independente que aínda está por redactar.

Elimínase o Anexo Ib) relativo ao réxime específico de produtividade de Alta Dirección da Delegación do Goberno en Madrid.

Na nosa primeira valoración xa denunciabamos que a Dirección Xeral presentara un documento practicamente pechado, sen unha negociación real do texto definitivo e sen permitir ás organizacións sindicais formular alegacións ao seu conxunto antes da súa aprobación.

Os feitos déronnos a razón, se un documento necesita ser modificado poucas horas despois da súa aprobación é porque non estaba suficientemente traballado, porque non existiu unha negociación seria e porque a Administración decidiu correr máis do necesario para implantar o sistema o 1 de xullo.