A CIG denuncia un agravia comparativo inxustificable: o Ministerio reparte postos de nivel 17 sen corrixir antes a discriminación do persoal que xa presta servizos na Seguridade Social

Xoves, 02 Xul 2026

A CIG remite case 200 sinaturas de denuncia ante a Subsecretaría do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a súa decisión de ofertar postos de nivel 17 ás persoas aprobadas na última convocatoria do Corpo Xeral Administrativo da Seguridade Social.

Esta decisión rompe, sen explicación nin negociación, co criterio aplicado durante anos. Ata o de agora, os novos funcionarios e funcionarias incorporábanse a postos co nivel máis baixo do intervalo (nivel 15 e, desde decembro de 2023, nivel 16), mentres que nesta ocasión a Administración decide conceder a unha única promoción unha mellora retributiva e profesional da que foron privados milleiros de empregados e empregadas públicas.

Desde a CIG queremos deixar clara unha cuestión fundamental, non estamos en contra de que as persoas que acceden por quenda libre poidan incorporarse a postos de nivel 17. O que denunciamos é que a Administración pretenda conceder ese recoñecemento a quen acaba de incorporarse sen corrixir previamente a situación de quen leva anos desempeñando esas mesmas funcións.

De feito, a CIG leva anos reclamando que os postos de atención á cidadanía da Seguridade Social sexan clasificados con nivel 17, especialmente para o persoal que accede por promoción interna, porque resulta inxusto que traballadores e traballadoras que xa demostraron a súa experiencia, capacidade e compromiso profesional teñan que continuar ocupando postos co nivel mínimo mentres outros reciben directamente condicións máis favorables.

A prioridade debe serprimeiro garantir a igualdade e os dereitos do persoal que xa forma parte da organización e que leva anos sostendo o funcionamento da Seguridade Social,  despois, aplicar ese mesmo criterio ás novas incorporacións.

Non existe ningunha razón obxectiva que explique por que milleiros de persoas accederon aos mesmos postos, superando procesos selectivos da mesma dificultade e realizando idénticas funcións, sen ter nunca acceso a un nivel 17.

Ademais, esta decisión evidencia outro problema de enorme gravidade. Mentres milleiros de traballadores e traballadoras continúan afastados das súas provincias de orixe esperando un concurso de traslados, o Ministerio decidiu reservar e acumular postos vacantes para destinalos a un proceso selectivo, en lugar de poñelos previamente á disposición do persoal que xa presta servizos na Administración e ten dereito á mobilidade e á promoción profesional.

A CIG considera que esta non é unha forma seria nin xusta de xestionar os recursos humanos.

Por iso esiximos:

  • O recoñecemento donivel 17 para os postos desempeñados polo persoal xestor informador e polo persoal de atención á cidadanía.
  • Que esa mellora se aplique con carácter prioritario ao persoal que xa desempeña esas funcións, especialmente ao que accedeu mediante promoción interna.
  • A extensión posterior dese mesmo criterio ás novas incorporacións, garantindo a igualdade de trato entre todas as promocións.
  • O recoñecemento das correspondentes diferenzas retributivas para o persoal que leva anos realizando idénticas funcións.
  • A convocatoria periódica de concursos de traslados, evitando reservar vacantes que deben servir para garantir a mobilidade e a carreira profesional do persoal.

O problema non é que existan postos de nivel 17. O problema é que a Administración crea empregados públicos de primeira e de segunda, premiando a quen acaba de chegar mentres ignora os dereitos de quen leva anos sostendo o servizo público. Ese é o agravio que a CIG denuncia e que seguirá combatendo en todos os ámbitos de negociación.

 

Seguiremos informando…

 

 

A CIG, alicerce dunha sociedade con dereitos