A CIG diante do naufraxio da negociación colectiva na AEAT

Xoves, 21 Mai 2026
A Mesa Xeral convocada pola Dirección da AEAT para impoñer o seu calendario laboral e retallar dereitos do persoal da Axencia deixou ao descuberto dúas realidades simultáneas: o naufraxio da negociación colectiva na AEAT e a dificultade da parte social para presentar unha fronte común. Mentres a Dirección da AEAT bloqueaba calquera avance real, as enerxías de parte da representación sindical víronse consumidas por discrepancias internas sobre as formas e os tempos das mobilizacións. O resultado: a Dirección da AEAT, cómoda. O persoal, sen avances.

A Confederación Intersindical Galega mantivo en todo momento unha postura construtiva, confrontando unicamente coa Dirección da AEAT. Na CIG non nos confundimos de inimigo: son a Dirección da AEAT e os seus directivos quen ten bloqueada unha verdadeira negociación para reverter a perda de poder adquisitivo e a precarización das condicións de traballo do persoal da Axencia. Non son os outros sindicatos.

Nesta situación, como central sindical nacionalista, internacionalista e de clase, a CIG quere facer chegar ao conxunto dos traballadores e traballadoras da AEAT o noso posicionamento:

En primeiro lugar, a CIG considera que na actual situación a construción dunha resposta sindical eficaz require, como paso previo e imprescindible, o diálogo entre todas as organizacións que conformamos a parte social. Benvidas sexan todas as iniciativas de mobilización: cada paso que se dea na dirección de presionar á Dirección da AEAT merece o noso respecto. Agora ben, a experiencia demostra que as accións coordinadas e acordadas conxuntamente multiplican a súa eficacia. Por iso, a CIG manifesta a súa disposición plena a participar e a contribuír a calquera marco de acción común que se queira construír. Sen unidade, quen gaña sempre é a Dirección da AEAT.

En segundo lugar, na CIG temos claro que é a acción colectiva e conxunta o que vai facer mudar de posicionamento aos responsables da AEAT. Non as mobilizacións fragmentadas, non as iniciativas de parte que dividen á representación social: só a forza do colectivo. Fronte a unha Dirección que xa non é que sexa inmobilista -é que é abertamente reaccionaria no ámbito laboral-, a división da parte social é o mellor agasallo que lle podemos facer.

Consecuentemente, insistimos diante de toda a parte social na necesidade de acordar conxuntamente, desde as lexítimas diferenzas que cada organización representa, unha táboa reivindicativa común e un calendario compartido e mancomunado de mobilizacións. Sen excluír a ninguén, e respectando en todo momento a representatividade de cada organización- e, por descontado, o lugar que a CIG ocupa como primeira forza sindical de Galiza e primeiro sindicato nas administracións públicas do país. A unidade non é unha concesión: é a única estratexia que funciona.

Esa táboa común xa a temos, no esencial. Falta a xenerosidade de renunciar a protagonismo e electoralismo e construír vontade colectiva para facela valer xuntos. As demandas son coñecidas: actualización salarial real e blindaxe cunha cláusula de garantía vinculada ao IPC (como sí acepta o goberno español para as pensións), actualización da táboa retributiva do PIA, renegociación de todos os criterios de asignación da produtividade, actualización dos importes de dietas por actuacións fóra das dependencias da AEAT (sen tocar desde 2002), reactivación efectiva e con complementos actualizados do Acordo de Carreira Administrativa, negociación real da implantación do teletraballo e recoñecemento do SVA como profesión de risco. Nada do anterior se conseguirá cunha parte social rota.

Dende a CIG consideramos naufragada a negociación colectiva na AEAT. Chegados a este punto, en que a Dirección bloquea calquera mellora na mesa, non hai outra saída que a unidade de acción: poñer en común a táboa reivindicativa que, con matices, toda a parte social compartimos, e pasar á acción na rúa, Delegación por Delegación e Administración por Administración. Deixar de ofrecerlle á Dirección da AEAT, en bandexa, unha representación social dividida por puro cálculo electoralista.

Ou nos unimos, ou perdemos. Non hai terceira opción.

A loita é o único camiño!