A CIG exixe a retirada do sistema de avaliación entre compañeiras na ADI

Venres, 19 Dec 2025
A CIG ven de exixir á Directora da AEAT paralización inmediata do sistema de avaliación que se pretende instaurar nas ADIS, que pretende obrigar ao persoal da ADI de Vigo a avaliar o traballo das súas propias compañeiras e compañeiros, mediante a escoita e valoración de gravacións de chamadas.

Desde a CIG temos claro que:
  • Esta tarefa non forma parte das nosas funcións como persoal de información e asistencia.
  • Xa somos avaliados polos nosos superiores a través dos sistemas existentes (produtividade, obxectivos, etc.), polo que non ten sentido nin xustificación que agora se nos obrigue a valorar aos nosos iguais.
  • Non existe ningún outro posto na AEAT no que se esixa este tipo de avaliación entre compañeiros.
  • O uso das gravacións con esta finalidade xera dúbidas claras e un malestar evidente.
  • Esta medida rompe a convivencia, xera conflitos innecesarios e aumenta a presión laboral.
  • En todo caso, o sistema de avaliación de desempeño ten que ser negociado colectivamente e ten que basearse en criterios claros, públicos, transparentes e con control tamén dos avaliadores.
Por este motivo, exiximos á Directora Xeral da AEAT:
  • Que non se implante este sistema no ADI de Vigo.
  • Que non se obrigue a ninguén a realizar estas valoracións.
  • Que se convoque un Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI) para analizar o impacto desta medida nos riscos psicosociais.
  • Que calquera cambio deste tipo se negocie previamente cos sindicatos.
Desde a CIG advertimos á Directora Xeral da AEAT que faremos  todo o posible —sindical e legalmente— para impedir que se impoña unha medida que consideramos inxusta, impropia e allea ás nosas funcións.

Convidámosvos a, se recibistes xa indicacións concretas para realizar estas avaliacións, ou ten dúbidas, poñervos en contacto connosco para emprender as accións que sexan precisas.
A loita é o único camiño!