A CIG exixe paneis para os Corpos de Informática en Galiza: o traballo informático da AEAT ten que facelo persoal público, non contratas

Venres, 25 Set 2026

A CIG vén de presentar un novo escrito ante a Dirección de Recursos Humanos da AEAT solicitando a convocatoria de paneis de provisión de postos de traballo para os corpos de informática, con prazas suficientes en Galiza. En febreiro e marzo de 2026 xa reclamaramos un panel para o persoal TAI. A Administración non respondeu.

A CIG exixe paneis para os Corpos de Informática en Galiza: o traballo informático da AEAT ten que facelo persoal público, non contratas – Espazo sindical do CIG
A situación é insostíbel: administracións con atención informática insuficiente, persoal informático en mínimos, persoal que se move "de visita" entre administracións, delegacións e aeroportos, portos e aduanas sen persoal informático propio.
Mentres tanto, algún traballo faino persoal de empresas privadas. Segundo a propia programación contractual da AEAT, entre 2023 e 2026 a Axencia destinou máis de 472 millóns de euros a contratación informática externa, incluídos os servizos informáticos de todos os Servizos Centrais e Territoriais, Delegacións Especiais incluídas. É substituír persoal propio por empresas, mentres o persoal funcionario dos corpos informáticos non ten paneis para acceder a eses postos e non existe ningún plan para recuperar esas funcións con medios propios.
Xa o denunciamos na serie de notas "A informática tributaria e o persoal da Axencia", dispoñíbeis no noso blog.
Para a CIG, esta política leva á desaparición progresiva das dependencias de informática en Galiza, algo inaceptábel.
A CIG ESIXE:

  • Convocatoria inmediata de paneis para os corpos de informática, con prazas suficientes en Galiza.
  • Un plan de internalización progresiva dos servizos externalizados.
  • Resposta expresa aos escritos presentados e información clara sobre o futuro das dependencias de informática.


A loita é o único camiño!