A CIG gaña na Xustiza: o TSXG obriga ao Estado a recoñecer o galego como mérito na Inspección de Traballo
A CIG vén de lograr un importante triunfo xudicial fronte á política lingüística discriminatoria do Estado. A CIG interpuxo no seu día un recurso contenciosoadministrativo contra a convocatoria de vinte e dous postos de traballo das Inspeccións Provinciais de Traballo e Seguridade Social de Galicia, ao non incluír entre os méritos avaliables o coñecemento da lingua galega. Unha exclusión totalmente incomprensible nun servizo público que atende diariamente persoas traballadoras galegas e que debería garantir os seus dereitos lingüísticos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darnos a razón. Na sentenza do 11 de novembro de 2024, o TSXG estima o recurso da CIG e declara que a convocatoria era contraria a Dereito precisamente por excluir como mérito avaliable o galego, vulnerando así dereitos lingüísticos e principios básicos de igualdade e adecuación á realidade sociolingüística do país.
A sentenza obriga á Administración do Estado a adoptar as medidas necesarias para restablecer o dereito vulnerado e, ademais, a publicar no BOE a anulación parcial da convocatoria (BOE 17/11/2025), para garantir que todas as persoas afectadas teñan coñecemento da mesma.
Desde a CIG consideramos que esta resolución evidencia, unha vez máis, o profundo desleixo do Estado en relación coa realidade galega e coa atención digna que merece o conxunto da clase traballadora. A lingua non é un adorno, é un dereito, e tamén unha ferramenta imprescindible para un servizo público que debe estar ao servizo da cidadanía.
A CIG continuará defendendo en todos os ámbitos —negociación, mobilización e vía xudicial— o uso normalizado do galego na Administración e a protección efectiva dos dereitos das traballadoras e traballadores de Galicia.