A inflación desmonta o relato de CCOO, UGT e CSIF
O IPC dispárase ao 4,3 % en agosto e deixa en evidencia un mes
máis o acordo salarial asinado por CCOO, UGT e CSIFque a CIG
NON asinou
O dato adiantado do IPC de agosto confirma o que desde a CIG vimos denunciando todos os
meses, o persoal das administracións públicas continúa perdendo poder adquisitivo como
consecuencia dun acordo retributivo insuficiente, pactado polo Goberno con CCOO, UGT e
CSIF.
A inflación interanual sitúase no 4,3 %, sete décimas máis que en xullo e na taxa máis elevada
dos últimos tres anos. Mentres os carburantes, a electricidade, a vivenda e os produtos básicos
continúan encarecéndose, o acordo asinado polas organizacións sindicais estatais limita a
subida salarial de 2026 a un máximo do 2 %.
É dicir, os prezos medran máis do dobre que os salarios públicos. Só tomando como referencia
o dato de agosto, a diferenza alcanza os 2,3 puntos, que se traducen nunha nova perda real
de capacidade adquisitiva.
CCOO, UGT e CSIF coñecían perfectamente este risco cando decidiron asinar. Aceptaron un
acordo sen unha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC que garantise, cando menos, o
mantemento do poder de compra. Agora, por moita propaganda coa que pretendan maquillar
os datos, a realidade volve deixalos en evidencia.
Para a CIG, non é admisíbel presentar como un logro un incremento salarial que consolida o
empobrecemento do persoal público. Tampouco abonda con anunciar unha subida global para
varios anos cando se concentran porcentaxes en exercicios futuros mentres, no presente, os
salarios quedan claramente por baixo da inflación.
A CIG non asinou este acordo porque non garante a recuperación do poder adquisitivo perdido
nin protexe os salarios fronte ao incremento do custo da vida. Os feitos están a darnos a razón.