A informática tributaria e o persoal da Axencia

Luns, 04 Mai 2026
Nas últimas semanas, a CIG estivo analizando a Programación Contractual da AEAT correspondente aos exercicios 2023, 2024, 2025 e 2026. Trátase dun documento público, publicado cada ano pola propia Dirección Xeral da Axencia en cumprimento da Lei de Contratos do Sector Público, que recolle os contratos que a AEAT prevé licitar en cada exercicio.

É un documento técnico, árido e pouco coñecido. Pero contén información que, ao noso xuízo, todo o persoal da Axencia debería coñecer.

Ao analizar eses datos, chegamos a unhas conclusións que nos preocupan seriamente: a partir do que reflicten os propios documentos públicos da Administración, observamos unha tendencia clara e sostida cara á externalización de funcións informáticas nucleares da AEAT, acompañada dunha ausencia igualmente clara de medidas para reforzar os cadros de persoal propios, tanto no ámbito informático como no resto da Axencia.

E aquí queremos ser moi directas e directos, porque hai dúas cuestións que non admiten demora:

A primeira é a convocatoria urxente de paneis de mobilidade para os corpos informáticos, e moi especialmente para o Corpo de Técnicos Auxiliares de Informática (TAI). Mentres a Dirección gasta centos de millóns en contratos externos para cubrir funcións informáticas, hai persoal funcionario da propia AEAT que podería e querería acceder a eses postos e non ten forma de facelo. Isto non é aceptable e esiximos que se resolva xa.

A segunda é aínda máis básica: non falamos só de reforzar as Delegacións. Falamos de ter, simplemente, o persoal mínimo necesario para funcionar. Case todas as Delegacións Especiais —e a de Galiza de forma moi especial— levan anos en situación de precariedade crónica. Non é que lles falte persoal de reforzo: é que non chegan ao mínimo. Prazas vacantes que non se convocan, unidades que tiran adiante con cadros moi por debaixo do necesario e persoal sobrecargado. Iso é o que hai.

Non acusamos a ninguén de nada. Traballamos, como sempre, con datos públicos e sacamos as nosas propias conclusións. O persoal da Axencia pode consultar os documentos orixinais e formar a súa propia opinión. Deixamos a ligazón dentro do noso blog.

O que si facemos é o noso traballo sindical: analizar, informar e defender os intereses do persoal e do servizo público.

Seguiremos informando.

A loita é o único camiño!