A informática tributaria e o persoal da Axencia
Na nota anterior vimos as cifras: máis de 472 millóns de euros en contratación informática externa no cuadrienio 2023-2026. Nesta nota queremos concretar algo fundamental: de que estamos falando exactamente. Porque non todos os contratos externos son iguais nin teñen a mesma transcendencia.
Hai contratos de externalización que son discutibles pero comprensibles: equipamento puntual, traducións,... Non son o que nos preocupa.
Hai contratos de externalización que son discutibles pero comprensibles: equipamento puntual, traducións,... Non son o que nos preocupa.
O que nos preocupa é outra cousa. E convén aclarar desde o principio que non estamos falando de algo que comeza en 2026: a dependencia de empresas privadas para funcións informáticas nucleares leva anos en curso. O que mostran os datos é que esa dependencia aumenta cada ano, e que os contratos se repiten de forma sistemática cada catro anos aproximadamente, sempre cos mesmos obxectos e importes crecentes. Ese é o patrón que identificamos nos documentos públicos.
Véxanse os exemplos máis significativos:
Operación dos Centros de Proceso de Datos (CPDs): 7,4 millóns de euros en 2026, contrato de 24+24 meses. Para referencia: o contrato equivalente en 2022 foi de 6,2 millóns. Os CPDs son o corazón informático da Axencia: é onde se almacenan e procesan os datos fiscais de millóns de persoas físicas e xurídicas. Son infraestrutura crítica. E a súa operación queda en mans dunha empresa privada.
Soporte informático e seguridade da infraestrutura servidora e posto de traballo: 8,1 millóns de euros en 2026, contrato de 24+24 meses. En 2022 foron 7,4 millóns, con oferta única. O obxecto deste contrato inclúe o deseño, evolución, mantemento e monitorización dos servizos de tecnoloxía da información, sistemas e seguridade da Axencia. É dicir: quen ten acceso aos sistemas, en que condicións, e quen responde se algo falla.
Atención Multicanle á cidadanía contribuínte (CAT): 12,6 millóns de euros en 2026, contrato de 24+24 meses. En 2022 foron 10,5 millóns e en 2018 xa eran 9,3 millóns. Nos dous contratos anteriores presentouse igualmente unha única oferta. A atención directa á cidadanía, con acceso a datos tributarios persoais, en mans dunha empresa privada de forma continuada e crecente desde hai anos.
Servizos informáticos para todos os Servizos Centrais e Territoriais da AEAT: 23,8 millóns de euros en 2026, contrato de 24+24 meses. O soporte informático do conxunto da Axencia, incluídas as Delegacións Especiais. Segundo os documentos públicos analizados, este tipo de servizo non foi realizado ata agora por empresas externas neste formato: a ausencia de paneis de mobilidade nos corpos informáticos propios está directamente relacionada con que estas funcións acaben externalizándose.
Sistemas de Big Data e Investigación da Fraude: arredor de 13,5 millóns de euros en 2025. En 2021 o contrato equivalente foi de 9,5 millóns. Tamén con oferta única. Os sistemas que cruzan datos tributarios de millóns de persoas para detectar fraude fiscal, desenvolvidos e mantidos con persoal externo.
O patrón é claro: contratos que se repiten cada catro anos, con importes que medran sistematicamente, e en varios casos con oferta única no proceso de licitación.
E ademais, en todos estes contratos aparecen referencias explícitas a produtos de fabricantes concretos. Iso crea o que se coñece como vendor lock-in: unha dependencia tecnolóxica de provedores específicos, maioritariamente foráneos, da que é moi difícil saír.
Insistimos: non acusamos a ninguén de nada. Simplemente constatamos, a partir dos documentos públicos, que funcións que implican o acceso e tratamento de datos tributarios de especial sensibilidade e tamén dos datos persoais do propio persoal da Axencia, están sendo xestionadas por empresas privadas, con contratos de longa duración e sen que exista, segundo o que podemos observar, ningunha planificación pública paralela para recuperar esas capacidades con medios propios: nin formación específica nin postos de traballo de función pública.
As preguntas que nos facemos son as mesmas que calquera traballadora ou traballador da Axencia podería facerse: quen garante a confidencialidade deses datos? Como se controla que a información tributaria da cidadanía non sae do ámbito estritamente público? Quen asume a responsabilidade de que a Axencia se estea convertendo nun refén dixital de empresas privadas, en contra da tendencia europea cara á soberanía tecnolóxica das Administracións?
Na seguinte nota abordamos outro aspecto deste problema: o estado dos cadros de persoal nas Delegacións.
A loita é o único camiño!