A xustiza condena a SS pola non valoración da promoción interna no concurso Macro

Mércores, 25 Feb 2026

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ven de dar a razón á CIG e condena ao Ministerio de Seguridade Social por non valorar os méritos da promoción interna no Concurso Macro de 2022.

 

 

No Macro concurso de 2015 valoráronse todos os méritos dos participantes, con independencia de que promocionaran internamente.

 

No Macro de 2019, coas mesmas bases, a Administración cambiou de forma sorpresiva a interpretación, e resolveu o concurso non valorando os méritos das persoas que promocionaran internamente.

A Administración considerou que unha persoa que promociona internamente non ten dereito a que se lle valoren os méritos adquiridos no corpo anterior, discriminando a estas persoas asignándolles cero puntos e valorando só o méritos despois da promoción.

 

No Macro de 2022, a CIG dende o minuto 1 estivo en contra de calquera base de concurso que non tivese en conta todos os méritos das persoas participantes.

En cada reunión, en cada proposta, a CIG esgotou todas as oportunidades para que se convocara un concurso xusto. A Administración non quixo, e decidiu non valorar a promoción interna.

 

A promoción interna é un dereito, e tamén un mérito profesional. Non pode supor un castigo nin unha discriminación.

 

A pesares de todas as queixas que se verteron sobre este asunto, a CIG foi o único sindicato que foi máis alá e levou ao xulgado a defensa dos dereitos do persoal da Seguridade Social.

 

Agora a Xustiza ven dar a razón á CIG e condena ao Ministerio de Seguridade Social por non valorar os méritos das persoas que promocionaron internamente.

Na sentenza o xuíz establece que se terán que valorar todos os méritos ás persoas que participaron, independentemente de que foran antes da promoción interna.

 

Aínda cabe recurso, xa ante o Tribunal Supremo, ¿será posíbel que o Ministerio recorra insistindo tozudamente en discriminar a parte do seu persoal por, ao parecer, cometer o delito de promocionar internamente?

 

A CIG é un sindicato de clase que loita polos dereitos das persoas traballadoras, que loita por afastar as inxustizas e discriminacións e que loita máis alá de reunións ou despachos.

 

A CIG está e estará na rúa, nos xulgados e onde faga falla para defender á clase traballadora.