CASE DOUS ANOS DE FALSA NEGOCIACIÓN E NINGUNHA VONTADE DE AVANZAR

Martes, 20 Out 2026

En decembro de 2024 iniciouse a negociación do V Convenio Único. Hoxe, en outubro de 2026, case dous anos despois, o proceso está totalmente paralizado. Para a CIG, este bloqueo evidencia que a Administración nunca tivo unha vontade real de avanzar cara a un convenio que mellore as condicións económicas e laborais do persoal.

Case dous anos despois, cómpre esixir explicacións que aclaren onde están esas melloras e que resultados ofreceu a apertura deste proceso? Quen presentou a negociación dun novo convenio como solución debe explicar tamén que está disposto a facer para superar a súa paralización.

A CIG xa advertiu no seu momento de que quedaban cuestións importantes do IV Convenio por desenvolver e resolver. Aínda así, participamos na negociación con propostas concretas, porque o persoal laboral precisa respostas e non pode quedar atrapado entre os incumprimentos dun convenio e as promesas do seguinte.

As nosas prioridades están claras,

● Recuperar o poder adquisitivo, mellorar os salarios e establecer un sistema de complementos áxil, transparente e suficientemente financiado.

● Implantar a carreira profesional e a promoción horizontal, con posibilidades reais de progresión para o persoal laboral.

● Mellorar a clasificación profesional, a promoción interna e os sistemas de provisión de postos.

● Garantir unha mobilidade efectiva e xusta, especialmente por motivos de saúde, e reforzar os dereitos de conciliación.

● Axilizar os procesos de cambio do réxime xurídico do persoal encadrado no Anexo II, poñendo fin ás desigualdades.

● Blindar o exercicio efectivo do dereito á xubilación parcial.

● Reforzar os mecanismos que garantan o cumprimento do convenio en todos os ministerios e organismos e limitar a contratación fóra do seu ámbito.

 

A responsabilidade principal deste bloqueo é da Administración. A súa actuación permite concluír que a apertura da negociación non veu acompañada dunha intención efectiva de mellorar o convenio. O paso do tempo convértese así nunha ferramenta de desgaste e as reivindicacións apárcanse, os problemas continúan e o persoal segue esperando.

A CIG esixe a reactivación inmediata da negociación, cun calendario concreto, propostas por escrito e compromisos económicos que permitan avances reais. Non aceptamos que a mesa se converta nun trámite sen contido nin que a súa mera existencia sirva para aparentar un diálogo social que non resolve nada.

Non imos dar por normal esta situación e defenderemos a mobilización do persoal para esixir o desbloqueo.

O persoal laboral non precisa máis anos de espera nin máis promesas, precisa salarios dignos, igualdade de dereitos e un convenio que mellore de verdade as súas condicións de traballo.