CIG denuncia irregularidades na contratación de persoal na AESIA

Xoves, 08 Mai 2025

A AESIA CONTRATA PERSOAL RETRIBUÍDO CON MÁIS DE 90.000€ CON
PROCEDEMENTOS MENOS ESIXENTES QUE OS DO PERSOAL AUXILIAR ADMINISTRATIVO

CIG-Administración Pública denuncia irregularidades na contratación
do persoal da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia
Artificial, na que prima a designación de postos “a dedo” e a
contratación de persoal fóra do convenio.

CIG-Administración Pública denuncia os procedementos irregulares cos
que se está a dotar de persoal á Axencia Española de Supervisión da
Intelixencia Artificial (AESIA) con sede na cidade da Coruña. Na
actualidade, todo o persoal que traballa neste organismo foi designado
mediante procedementos extraordinarios, totalmente arbitrarios, en lugar
dos recollidos pola lexislación. Mais as primeiras convocatorias
públicas apuntan a que as irregularidades nos procedementos de
provisión de persoal neste organismo non fixeron máis que comenzar…

Salarios de máis de 90.000€ cunha oposición de 9 temas

A AESIA vén de publicar a convocatoria para a contratación de 9 postos
de persoal laboral fixo e 10 postos de persoal laboral temporal, todos
eles fóra da cobertura do Convenio Único para o persoal da
Administración do Estado, o que entre outras cuestións deixa aberta a
porta a que as retribucións sexan as que o propio organismo determine.
No caso destas convocatorias a AESIA pretende contratar persoal con
retribucións que alcanzan os 91.800€ anuais a través de
procedementos de concurso-oposición nos que esixen o coñecemento dun
programa de 9 temas de carácter xeral, mentres que o persoal laboral de
auxilio administrativo adoita ter programas de oposición con un mínimo
de 10 temas para postos que non chegan a ter unha cuarta parte das
retribucións que pagará a AESIA. Oposicións de persoal funcionario ou
persoal laboral dentro do convenio de categoría semellante conlevan
como mínimo a preparación de 65 temas e pode chegar a superar os 100.
A AESIA incumpre así a lexislación ao non cumprir cunha adecuación
entre o contido do proceso selectivo e as funcións ou tarefas a
desenvolver polo persoal.

Varios dos postos ofertados poderían ser cubertos por persoal
funcionario ou persoal laboral dentro das categorías profesionais que
recolle o Convenio, polo que a súa convocatoria a través do mecanismo
proposto non fai máis que acrecentar o escurantismo e a falta de
transparencia coa que se están a desenvolver os procedementos de
dotación de persoal na AESIA. Sirva como exemplo que o 20% da
puntuación nas fases de concurso queda aberta á arbitrariedade da
valoración do tribunal nunha entrevista persoal coas persoas
candidatas.

CIG-Administración reclama procesos abertos e transparentes para dotar
a AESIA de persoal, respectando os principios básicos de igualdade,
mérito e capacidade e sen agravios comparativos co resto das
traballadoras da Administración do Estado.

Denuncia do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza

CIG-Administración Pública súmase ao rexeitamento pronunciado polo
Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza respecto da convocatoria
para a praza de Asesor/a de Comunicación que admite persoas candidatas
sen titulación en estudos de comunicación para un posto que será
retribuido con 91.800€ anuais.

Ver NOTA en PDF