
CSSI: Últimas novas sobre amianto na frota do SVA

O pasado venres tivo lugar unha xuntanza da comisión permanente do Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI) para ofrecer información actualizada sobre a presenza de amianto en varias embarcacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira, entre elas as das bases de Muros e Ribadeo
A inspección realizada no Alcaraván I de Santander confirmou a presenza estrutural de amianto no buque- e polo tanto en todos os seus xemelgos, entre eles o Alcaraván II de Ribadeo. Tamén foi achada presenza de amianto na sala de máquinas e pañois do Petrel
Segundo se nos informou, realizarase nas vindeiras semanas unha avaliación hixiénica de riscos no Alcaraván II (Ribadeo) e no VA II (Muros) en condicións de navegación para determinar a presenza de amianto en aire, tal e como se fixo no barco cántabro. Neste intre aínda non se teñen os resultados da realizada no buque xemelgo de Cantabria. No caso do Petrel, dado que a situación é diferente, aínda están a se valorar as opcións
Desde a CIG demandamos que se aplique o criterio de precaución neste tema: que se analicen todos os buques construídos con anterioridade á prohibición do amianto como illante naval, para determinar a situación en cada caso. E que se realice un seguemento a fondo da saúde de todo o persoal embarcado nestes navíos desde a súa entrada en funcionamento
O servizo de prevención da AEAT manifestou que vai poñer en marcha na intranet unha nova comunicación de riscos para que o persoal en activo poida encher un cuestionario elaborado para este asunto, para ter unha ficha personalizada de cada tripulante de cada un destes barcos. Prevé, ademais, realizar entrevistas individualizadas para obter mellor información dado que os datos do cuestionario en si mesmos poden resultar insuficientes e buscará, ademais, ao persoal xa retirado na medida das posibilidades da AEAT
Desde a CIG demandamos que esas entrevistas se fagan persoalmente, sen sacarlle ferro ao asunto mais sen alarmar innecesariamente ao persoal potencialmente afectado e empatizando coa situación
Por outra banda, os responsábeis da Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira (DAVA) explicaron que xa solicitaran orzamentos para o desamiantado dos barcos afectados, polo momento para o Alcaraván I (Cantabria). As súas previsións pasan por enviar en 15 días á cornixa cantábrica o Gerifalte e o X Aniversario, dous buques de 25 anos que actualmente están inoperativas
Desde a CIG cuestionamos que se pretenda suplir buques cuxa vida útil está máis cá sobrepasada con barcos que están igualmente inoperativos. Advertimos que poñer barcos que tiñan que estar musealizados para navegar por un lugar que se chama Costa da Morte é unha auténtica temeridade
Neste sentido, insistimos en que non procede desamiantar os barcos das bases galegas, senón dalos definitivamente de baixa e substituílos por buques operativos- e iso quere dicir que non teñan a vida útil esgotada. No caso concreto do VA II de Muros, recordamos que estaba previsto o seu desguace para este ano por todos os problemas que acumula e que segue en porto debido ao retraso na entrega dos seis novas patrulleiras. Que pretender facer ver en documentos oficiais que existe unha frota cando na realidade é que eses buques están máis preto de ser a carabela musealizada de Baiona que barcos de traballo é un risco totalmente innecesario que non se pode admitir.