Grupo de Traballo do INE e Subcomisión e Mesa Delegada do ministerio

Venres, 27 Nov 2026

O INE PRIVATIZA A RECOLLIDA DA EPA E DE PRESUPOSTOS FAMILIARES.

O Consello de Dirección do INe decidiu no mes de outubro, en plena convocatoria electoral, a case total privatización da recollida de datos da EPA. Deste xeito, unha das principais enquisas que realiza o noso organismo, pasa a estar en mans de empresas privadas e mesmo van a facer con PF enquisa da que se extraen datos para a elaboración do IPC, que será o seguinte. Todo isto sucede cun goberno supostamente progresista e defensor dos Servizos Públicos. Pois ben, sen incluír estas dúas enquisas, este trimestre licitaron traballos para empresas privadas por valor de máis de 11 millóns de Euros. Vamos, non os facemos nos, non por falta de orzamento, se non polo seu modelo de xestión que xa non disimulan. As consecuencias desta decisión son as seguintes:

 

  • Privatizan totalmente a recollida de EPA en CATI tarde. Quedan 31 persoas neste servizo en todo o estado (23 axentes e 8 inspectores).
  • As CATI de mañá vanse reducir nun 75%. (quedan 67 persoas e pasarán a 15).
  • En abril de 2027 ten que estar executado o traspaso.
  • A privatización de PF comezará cando o persoal do INe teña implantada e mellorada a recollida cos novos medios tecnolóxicos. Nos faremos o traballo de pelexarnos coas súas probas e cando teñamos ese farragoso traballo rematado, empezarán a usalo empresas privadas para que obteñan mellor beneficio.
  • A recollida CAPI queda, de momento, no INe. Iso si, recoñecen distorsións entre o número de axentes e inspectores, nalgunha Delegación non hai axentes, só inspectores/as.

 

A escusa, non volo perdades, é que non son, nin foron capaces de prever que non se podería facer a recollida con persoal propio debido ás imprevisibles baixas do persoal laboral do organismo, motivadas polos cambios lexislativos en materia de Seguridade Social e pola xubilación parcial anticipada. Vamos que os directivos do INe digan que non son quen de facer un estudio demográfico do seu cadro de persoal, a pesares dos nosos avisos durante décadas (máis de 600 efectivos perdidos só desde 2018 e cunha reposición de C1 ridícula), é para mexar e non botar gota.

 

O máis doloroso de todo isto é que tampouco teñen en conta ó persoal, pensaron en todo menos o que van facer connosco. Estas son algunhas das preguntas feitas e as respostas que se deron nesta reunión:

 

  • O persoal de CATI mañá pasará a facer outros traballos nas DP, en principio de oficina, aínda non está pechado.
  • O persoal de CATI tarde que voluntariamente queira pasar á mañá o fará nas mesmas condicións que o persoal do apartado anterior. Curiosa decisión, sobre todo tendo en conta que no Troco de Réxime Xurídico materializado fai uns meses non permitiron o cambio de quenda para este persoal.

 

Agora veñen as incógnitas:

 

  • ¿Que vai pasar co persoal das CATI tarde que non queira traballar de mañá?. Pois que non o contemplaron. Para saír do paso, nos din que habería que estudar a posibilidade de que fixeran outros traballos en ese horario. Isto despois de recordarlles que para obrigalos terían que facer unha modificación substancial das súas condicións de traballo, e todos sabemos como rematou a última que fixeron. Xa veremos.
  • ¿ Que vai a pasar co complemento de mando das persoas que pasen da tarde á mañá?. Outra incógnita, que dependerá das necesidades das DP e da vontade de quen as dirixe.

¿ Como se van a corrixir as distorsións entre o número de axentes e inspectores de CAPI?. Aquí creemos que teñen unha idea, pero non se atreveron a concretala.

Trasladarvos que para nada nos tiveron en conta a nos nin o persoal afectado na toma desta decisión, nin para a súa execución, isto que desde a CIG levamos anos solicitando a incorporación de persoal nestas unidades, ou para a toma de medidas consensuadas para garantir estes servizos.

Na CIG, desde que tivemos coñecemento desta decisión, contactamos co resto de Organizacións Sindicais para presentar nesta reunión unha postura común baseada nos seguintes puntos:

 

  1. Manifestar a nosa total oposición á privatización da recollida de datos do INe, xa que por lei son traballos que ten que facer persoal funcionario e tamén pola singularidade dos datos que manexamos. Neste senxo, reclamamos unha Oferta Extraordinaria de Emprego para recuperar unha boa parte do persoal que perdemos durante estes anos, similar á que fixeron noutros organismos.
  2. Creación dunha Mesa de Negociación para acordar as condicións nas que se vai a realizar este proceso, así como para aclarar e solucionar todas as dúbidas que se poidan xerar.
  3. Daremos traslado á opinión publica desta situación a través dunha nota de prensa conxunta.

 

Non descartamos outro tipo de medidas de presión se foran necesarias, para as que sería preciso contar coa vosa participación.

 

Outras das cuestión tratadas nestas reunións foron:

 

Retribucións complementarias e produtividade

 

Con respecto á tramitación dos complementos E1 e RTC, nada se sabe e ó contrario que en outros organismos e/ou ministerios o INe non está facendo presión algunha en Función Pública para que os asignen. Volvemos a insistir. Moito nos tememos que tarde, mal e arrastro.

Coa produtividade o mesmo, teñen o mesmo interese cunha vaca polo peixe. Pouco importa que cada vez máis ministerios teñan produtividade por obxectivos que chegue a todo o persoal (laboral ou funcionario, de DP ou de Servizos Centrais), no INe está a elite e a plebe, que pouco ou nada merecemos. Xa por non falar dalgunhas DP nas que somos totalmente improdutivos.

 

Ampliación do período de desfrute das vacacións do ano 2026

 

No transcurso da reunión algunhas das persoas de diferentes Delegacións Provinciais, outras non, recibiron un correo dos/as seus Delegados/as informando que o Consello de Dirección ampliou o período de desfrute das vacacións de 2026 ate o 15 de febreiro de 2027, motivado polo proceso electoral presente.

 

Actuacións previstas en relación ó gas radon

 

Nas DP de Lugo e Ourense están en proceso de realización as obras de remediación necesarias para rebaixar os niveis nos espazos cun nivel superior ó recomendado.

Na DP da Coruña, grazas a nosa iniciativa, o departamento de Xestión Patrimonial do INe está a facer xestións coa propiedade do local para que faga as obras de illamento necesarias ó mesmo tempo que buscan outro local de alugueiro que nos poida servir de sede. Neste senxo, no mes de decembro van a visitar un local que xa conta coas medicións de radon feitas e favorables e que acolleu fai pouco outro organismo da AXE e que cumpre con todos os requisitos para ser o noso futuro centro de traballo.

 

Xubilación Parcial

 

Temos 140 solicitudes de xubilación parcial, 5 xa están resoltas, 40 xa teñen asignado relevista, 84 aínda están pendentes da asignación por parte de Función Pública e 12 aínda non foron tramitadas. Vamos lentos pero avanzando.

 

Lembrade que tedes máis información sobre os asuntos que atinxen ó persoal da AXE na nosa nova páxina web https://www.cigadmon.gal/estatal e podedes contactar connosco no correo ó pe desta nota.