2ª Reunión para ¿negociar? a OEP 2026

Mércores, 22 Abr 2026

A Dirección General de la Función Pública volveu convocar a segunda reunión este 21 de
abril á Comisión Técnica de Temporalidade e Emprego para abordar a Oferta de Emprego
Público (OEP) 2026. A intervención da Administración sobre a Oferta de Emprego Público
volve confirmar unha dinámica que xa se repite unha vez máis, grandes liñas, e ausencia de
datos concretos. Con un elemento especialmente grave, segue a negativa expresa a
facilitar un documento desglosado co número de prazas a ofertar.


A Administración insiste en que existe acordo coas organizacións sindicais nas “liñas xerais”.
É dicir, estamos a falar dunha seudo negociación sen números porque a propia Administración decide non poñelos enriba da mesa.


Mantense o discurso optimista dos últimos anos, insistindo en que a OEP continuará coa
senda de creación de emprego. Porén, sen datos de prazas, sen desglose e sen cifras de
altas e baixas reais, este compromiso queda reducido a unha declaración de intencións.
Fálase de creación de emprego, pero sen concretar cantas prazas nin en que ámbitos.


Como novidade, introdúcese a orientación da oferta en función das prioridades políticas do
Goberno, con especial peso de ámbitos como a emerxencia climática. De feito, anúnciase
unha oferta extraordinaria neste campo, especialmente en determinados territorios. Pero
mesmo neste punto, tampouco se achega ningún documento que detalle o número de
prazas, reforzando a idea de que a planificación segue sen traducirse en datos concretos.


No que respecta á execución, a Administración destaca avances no cumprimento do ciclo
anual de convocatorias, aínda que recoñece atrasos importantes no persoal laboral.
Comprométese agora a convocar de forma inmediata as ofertas acumuladas de 2023 e
2024, deixando para máis adiante as seguintes. Un anuncio que, máis ca un mérito, semella
unha obriga, xa que o propio subdirector obviou que, de non convocarse a OEP de 2023,
esta correría o risco de caducar. É dicir, preséntase como compromiso o que en realidade é
simplemente evitar incumprir os prazos legais. Un novo exemplo de como os retrasos se van
acumulando e adiando sen resolverse de fondo.


Outro dos puntos relevantes é o recoñecemento dun problema cada vez máis evidente que é
o elevado número de prazas que quedan sen cubrir. A resposta da Administración pasa por
introducir informes obrigatorios e posibles revisións dos procesos selectivos.


Tamén se admite que a promoción interna non está a funcionar, anunciándose novos grupos
de traballo para analizar a situación. Unha vez máis, recoñécese o problema, pero sen
medidas inmediatas que garantan un cambio real. E, de novo, sen cifras concretas sobre
prazas de promoción interna, o debate queda nun plano abstracto.


Por último, incorpórase o discurso da transformación dixital e da intelixencia artificial, coa
proposta de formación obrigatoria para o persoal de novo ingreso. Unha medida que pode
ser positiva, pero que non responde ás carencias estruturais actuais do emprego público nin
substitúe a falta de datos na propia oferta.


En definitiva, a intervención da Administración deixa unha idea clara, moita intención e
pouca concreción. Nun contexto de falta de persoal, envellecemento e necesidades
crecentes, o que se precisa non son só liñas xerais, senón un documento claro, desglosado
e cuantificado. Porque sen iso, a OEP 2026 corre o risco de seguir sendo máis un exercicio
de relato ca unha ferramenta útil para reforzar os servizos públicos.