Mesa de Acción Social: as axudas abonaranse en novembro
Onte tivo lugar unha nova xuntanza da comisión de Acción Social para resolver as axudas excepcionais que quedaran sen revisar. Falta aínda algunha por achegar a documentación requirida, mais hai un remanente duns 900€. A previsión da AEAT é abonar todas as axudas na nómina de novembro
Das estatísticas presentadas pola Dirección da AEAT destaca o crecemento continuado das axudas por coidado de fillos menores de 3 anos, estudos da persoal, promoción e saúde. Dentro destas, “estudos do persoal” sobarda uns 46 000 euros o crédito consignado e “Promoción” o excede en 197 000 €
A CIG xa ten cuestionado que a formación e promoción do persoal- con fondos e ferramentas específicas na AEAT- condicionen unha ferramenta redistributiva como ten que ser un Plan de Acción Social. Hai fondos de formación específicos e hai unha Academia que debe ser potenciada para que non detraían fondos do Plan de Acción Social
Ademais, entendemos que se en Formación a AEAT foi quen de incrementar o orzamento, pode facerse do mesmo xeito para o Plan de Acción Social (que leva conxelado no seu actual orzamento desde 2011, co que tal ten subido o IPC desde entón reducindo o orzamento real do PAS). Ambos, á fin e o cabo, Formación e PAS, teñen condición de créditos vinculantes. Na CIG cremos que o que vale para un ten que valer para o outro dado que son iguais
A CIG demanda un novo Plan de Acción Social
A CIG demanda que se reclame un financiamento superior para o Plan de Acción Social por tres vías: o incremento orzamentario, a desvinculación do crédito e mais derivar a promoción interna e os estudos do persoal a formación, liberando os fondos que actualmente consume para políticas sociais
Na CIG consideramos, e así o vimos dicindo, que o orzamento conxelado de 2.402.420 € resulta a todas luces insuficiente para atender a demanda existente e que, ao non actualizarse conforme á evolución do custe de vida e do incremento de solicitudes, supón na práctica unha redución das axudas, polo que calquera mellora substancial do Plan pasa imprescindibelmente por incrementar a súa dotación económica
Desde a CIG defendemos unha reorientación social do PAS reforzando o seu carácter redistributivo, priorizando as axudas de carácter social directo, reforzando especialmente:
· conciliación familiar (menores de 3 anos)
· discapacidade e dependencia
· tratamentos de saúde
· desenvolvemento educativo
Neste sentido, A CIG defende unha redución progresiva do crédito destinado a promoción, que debería pasar aos fondos específicos de formación, destinando os fondos liberados ao reforzo de axudas sociais. Fundaméntase esta proposta en que a promoción profesional constitúe un instrumento de carreira administrativa e formación, non unha axuda social en sentido estrito
Para garantir a promoción e a carreira, desde a CIG propoñemos que sexan os fondos de formación os que asuman este investimento, de maneira que se abra La Academia a todo o persoal, que sexa financiada mediante os créditos de formación e se liberen así os fondos de Acción Social que actualmente detrae
Esta medida, ademais de permitir contemplar a acción da AEAT como un conxunto e non como unha suma de compartimentos estancos, permitiría poñer en marcha novas liñas de axudas, como unha destinada á vivenda debido ao problema de acceso á vivenda que hai e mesmo para aloxamento durante os cursos selectivos dado que se teima por parte da Dirección da AEAT en forzar ao persoal a cursalos nas dúas cidades máis caras do estado español
Entendemos que unha revisión deste tipo do Plan de Acción Social non pode adiarse á negociación do vindeiro plan en febreiro de 2027 e que, en paralelo á xestión das axudas do vixente, debería comezar a negociarse xa. A pelota está no tellado da AEAT!