Mesa de Carreira: a Dirección da AEAT enreda, boicotea a negociación e bloquea a carreira da maioría
“Veño co fusil do combatente pola liberdade nunha man e a rama de oliveira na outra. Non deixen que a rama de oliveira caia da miña man.”
Yasir Arafat
Yasir Arafat
A Dirección da AEAT convocou para o pasado xoves unha xuntanza da mesa técnica do Acordo de Carreira, en teoría, para abordar os cambios para axilizar e flexibilizar a promoción interna. Suponse que a reunión había ser para presentar un documento con cambios con respecto ao presentado na anterior xuntanza hai uns días, pero nada máis lonxe...
A Dirección da AEAT, porén, decidiu pegar un volantazo, truncar esa negociación e presentar un texto- coa reunión comezada, impedindo o seu estudo e, polo tanto, rebentando a negociación-centrado unicamente en crear postos de carreira vertical para determinados ámbitos, sen abordar absolutamente ningunha outra cousa relacionada coa carreira profesional. Enredar, cambiar de tema sen avances reais en ningunha materia, incumprir os compromisos asinados e comprometer novos calendarios negociadores para non ir a ningún sitio é o manual de estilo da Dirección da AEAT- se callar tamén do Ministerio ou mesmo do goberno español- desde hai ano e medio como pouco, nunha permanente fuxida cara adiante na que incrementan a frustración dun persoal que segue perdendo poder adquisitivo mentres noutros ámbitos da Administración Xeral do Estado se logran melloras sensíbeis das retribucións. Pero a Dirección da AEAT nin negocia, nin mellora as retribucións nin sequera abre a porta para poder ir á AXE, pero ben que exixe actualización constante e máis obxectivos!
Desde a CIG consideramos que isto confirma que a Dirección da AEAT pretende sacar as convocatorias da OEP 2025 sen negociar nada e mantendo unhas probas obsoletas, memorísticas, pouco áxiles e moi opacas, e está enredándonos á parte social en reunións estériles que ve só como un simple trámite formal
O documento defendido pola Dirección da AEAT evita afrontar os temas de fondo e pretende abrir unha vía de carreira (vertical) só para unha parte do persoal, mentres a inmensa maioría segue sen resposta. Non hai avance ningún respecto ao esencial:
- Carreira horizontal: continúa sen adaptarse nin reactivarse, a pesar de que é onde está a maior parte da AEAT
- Habilitación normativa: máis dun ano despois, a Administración admite que segue sen ter autorización para reactivar o Acordo de Carreira malia terse comprometido por escrito a facelo!
- Promoción interna real: sen redución de temarios, sen actualización de probas, sen eliminar as trabas sociais que supoñen os cursos selectivos
- Planificación de RRHH: segue pendente desde 2019 o estudo sobre necesidades organizativas
- Transparencia: continúan sen facerse públicos criterios nin explicacións de procesos, incluído o ocorrido no recente proceso selectivo do CASVA, sobre o que volvemos pedir aclaracións
A CIG non aceptará unha carreira fragmentada nin elitista. A prioridade non é crear postos puntuais de carreira vertical, nin modificar un aspecto da carreira que afecte a uns poucos, senón garantir un modelo de carreira profesional universal, integral e accesible, baseado en:
- Reactivar e adaptar a carreira horizontal para todo o persoal
- Negociar con garantías as convocatorias e os procesos de promoción interna
- Simplificar e modernizar os procesos selectivos
- Aportar transparencia e planificación real dos recursos humanos
Con esta fuxida cara ningures e evitando negociar o fundamental, queda claro que a Dirección da AEAT non ten intención de activar a carreira profesional na AEAT. A CIG seguirá defendendo un modelo serio, xusto e pensado para a totalidade das traballadoras e traballadores, non para unha minoría
Caeu a póla de oliveira...
A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO