Mesa de formación: a CIG insiste en que a formación é tamén traballo e que o galego segue a ser discriminado na AEAT
Na última Mesa de Formación da AEAT a administración presentou datos provisionais do Plan de Formación Continua, que confirman unha realidade xa coñecida: a participación real na formación segue sendo limitada e o abandono continúa sendo elevado, agás naqueles cursos que teñen incidencia directa no posto de traballo, na carreira administrativa ou na promoción interna
Desde a CIG valoramos as novidades que se pretenden introducir de cara ao vindeiro plan de formación, como a prevención do phishing, a formación en traballo a distancia, a xestión do coñecemento ou o curso básico de igualdade. Mais botamos en falta que cumpran cunha finalidade real para o persoal da AEAT
Desde a CIG valoramos as novidades que se pretenden introducir de cara ao vindeiro plan de formación, como a prevención do phishing, a formación en traballo a distancia, a xestión do coñecemento ou o curso básico de igualdade. Mais botamos en falta que cumpran cunha finalidade real para o persoal da AEAT
Para a CIG isto é consecuencia dun modelo de formación que non garante tempo nin condicións reais para formarse e da maneira en que a AEAT entende a formación: unha exixencia legal que hai que cubrir rotineiramente agás para o que respecta ao cumprimento de obxectivos
Tempo de traballo para a formación
Desde a CIG insistimos en que sen un crédito horario específico dentro da xornada laboral non hai formación continua real. A formación segue recaendo no tempo persoal de quen traballa na Axencia, sen espazos adecuados e con interrupcións constantes das xefaturas. A AEAT debe garantir tempo efectivo de traballo para poder realizar os cursos
Do mesmo xeito, seguimos a insistir na necesidade de dotar as Administracións e Delegacións de espazos formativos, para evitar a sensación de que cando estás a te formar o público perciba que enredas lendo o xornal
Dereitos lingüísticos: o galego segue discriminado
A CIG volveu denunciar o tratamento inaceptábel que recibe o galego no Plan de Formación. O curso de galego incluído na plataforma GoFluent é claramente insuficiente, case insultante
Mentres outras linguas cooficiais contan con cursos específicos de atención ao público, o curso de galego incluído na plataforma de aprendizaxe de linguas estranxeiras é unha parodia: arrinca cun topicazo- o galego é para falar do tempo- e non garante unha formación que permita manexar o idioma e a súa linguaxe administrativo-tributaria para atender con solvencia ao pobo galego
Desde a CIG volvimos exixir un curso de galego profesional, serio e de calidade, ao mesmo nivel que o catalán. Non hai moito que se impartía e mesmo poderíase conveniar coa Escola Oficial de Idiomas para termos os cursos de linguaxe administrativa puntuábeis en calquera concurso de calquera administración pública, permitindo que a formación sirva para o duplo obxectivo de mellorar as espectativas profesionais do persoal e mais atendemento de calidade para a cidadanía
A Dirección da AEAT non quere entender, ao que se ve, que o galego non é unha lingua estranxeira, é un dereito da cidadanía e unha obriga da administración pública en Galiza
Promoción interna con igualdade e conciliación
A formación ligada á promoción interna continúa pensada para unha minoría. Na CIG non nos opoñemos a que se inclúa o apoio á preparación do 4º exercicio de CSIHE (La Academia), mais continúa a ser un modelo que exclúe á inmensa maioría do persoal da AEAT
Dado que a Dirección da AEAT segue evitando sentar a negociar a actualización e aplicación do Acordo de Carreira- e con isto, bloqueando as medidas que permitirían evitar a perda de poder adquisitivo da inmensa maioría do persoal da Axencia- desde a CIG reclamamos que La Academia estea dispoñíbel para todo o persoal, sen límite de prazas
Insistimos, ademais, en que as clases poidan gravarse para facilitar a conciliación e que os cursos selectivos obrigatorios tras aprobar a promoción interna sexan 100 % telemáticos ou impartidos nas Delegacións Especiais, evitando desprazamentos prolongados e custos persoais innecesarios
Desde a CIG reiteramos que sen tempo de traballo, sen respecto polos dereitos lingüísticos e sen igualdade no acceso á promoción interna non hai formación pública de calidade. A formación debe servir para mellorar o servizo público e as condicións laborais, non para excluír parte do persoal. A CIG seguirá esixindo un cambio profundo no modelo formativo da AEAT