Mesa Delegada esperpéntica
A Mesa Delegada celebrada hoxe 18 de xuño no Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, volveu evidenciar o preocupante estado no que se atopa a negociación colectiva. Non é aceptable convocar unha reunión con quince puntos na orde do día para rematar despachando cuestións estratéxicas mediante respostas improvisadas e sen unha mínima vontade de adquirir compromisos. O que debería ser un órgano de negociación acabou converténdose nun simple trámite administrativo onde os problemas se enumeran, pero non se afrontan. A negociación colectiva non consiste en ler títulos dunha convocatoria e dar por cumprido o trámite. Informar non é negociar, e moito menos limitarse a dicir que "non hai incidencias" ou que "todo funciona correctamente" mentres continúan existindo problemas que afectan diariamente ao persoal.
Máis alá dos numerosos puntos incluídos na orde do día, a reunión serviu para constatar tres problemas que a propia Administración recoñeceu e para os que segue sen ofrecer solucións concretas.
Concursos
Anuncian próxima publicación no BOE dos concursos pendentes e intención de que en novembro deste mesmo ano convoquese un xeral e outro específico.
Comisións de servizo e adscripcions que se eternizan
No debate sobre provisión de postos e concursos, a Administración admitiu que existen numerosas comisións de servizo e adscricións provisionais prolongadas no tempo e que a decisión de sacar ou non os postos a concurso depende, en gran medida, do criterio dos responsables de cada unidade.
É dicir, continúan existindo postos ocupados temporalmente durante períodos moi prolongados mentres os procedementos ordinarios de provisión seguen sen resolverse. Un sistema que favorece a discrecionalidade e dificulta a transparencia na cobertura dos postos de traballo.
Desde a CIG consideramos imprescindible reducir a dependencia das comisións de servizo e garantir que os postos vacantes sexan ofertados polos procedementos ordinarios nun prazo razoable.
As 35 horas
A información trasladada pola Administración resumíuse basicamente en afirmar que non se detectaron incidencias e que todo funciona correctamente.
Teletraballo, distintos criterios para os mesmos dereitos
A discusión sobre o traballo a distancia puxo tamén de manifesto a existencia de criterios distintos segundo organismos, unidades e centros de traballo.
Mentres nalgúns ámbitos se aplican determinados criterios, noutros existen limitacións que están xerando reclamacións e malestar entre o persoal.
Mesmo durante o debate se recoñeceu que existen ministerios que están impulsando restricións ao teletraballo e que se están producindo interpretacións diferentes sobre o número de días autorizables.
A ausencia dun criterio homoxéneo provoca inseguridade xurídica e desigualdade de trato entre empregadas e empregados públicos que desempeñan funcións similares.
CONCLUSION
Desde a CIG consideramos que esta forma de actuar supón unha falta de respecto ás empregadas e empregados públicos e tamén ás organizacións sindicais que acudimos ás reunións coa responsabilidade de trasladar as súas reivindicacións.
A Administración debe decidir se quere mesas de negociación reais ou simples escenificacións burocráticas destinadas a cubrir o expediente. Porque para manter conversas de cortesía non fai falta convocar unha Mesa Delegada.