Ministerio de Transportes e Movilidade Sostibel Mesa Delegada

Xoves, 18 Xun 2026

Externalizacións, vacantes sen cubrir e prevención bloqueada, a realidade do Ministerio

O subsecretario comezou realizando un repaso dos acordos acadados nos seis grupos de traballo existentes. Entre eles, destacou os relativos aos plans de formación, ao calendario laboral e ao grupo de plantillas, aínda que cómpre sinalar que non todos estes acordos contaron co apoio da CIG.

A continuación, a ausencia dun Plan de Prevención actualizado converteuse nun dos principais puntos de crítica por parte de toda a representación social. Neste contexto, lembrouse o plante conxunto protagonizado por todas as organizacións sindicais, que abandonaron o Comité de Seguridade e Saúde da Secretaría como mostra de protesta pola falta de avances nesta materia. Finalmente, acordouse retomar as reunións do grupo de traballo de prevención coa intención de intentar desbloquear esta situación.

A reunión continuou abordando diversos asuntos que afectan fundamentalmente aos servizos centrais do Ministerio, entre eles o atraso na apertura do ximnasio, a avaría dun ascensor e outras incidencias de menor relevancia.

Tamén se presentou un cronograma moi aproximado dos próximos concursos de persoal funcionario:

● Concurso específico de Mariña Mercante: previsto para setembro deste ano.

● Concurso xeral e específico de Estradas: previsto para os primeiros meses de 2027.

Outro dos asuntos tratados foi o das comisións de servizo. A Administración recoñeceu que existen comisións que superan amplamente o límite legal de dous anos. Porén, non se ofreceron argumentos sólidos que xustificasen esta situación, máis alá de indicar que aplicar estritamente o límite temporal xeraría un importante "follón" na cobertura dos postos de traballo e que, ao seu xuízo, isto podería prexudicar máis que beneficiar o funcionamento da Administración.

Un dos momentos máis destacados da reunión produciuse coa intervención dun astrónomo do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), quen puxo de manifesto as continuas e inxustificadas situacións de agravio que este colectivo vén sufrindo desde hai anos por parte da Administración. O silencio que seguiu á súa intervención foi, cando menos, significativo.

Posteriormente, abordouse a situación da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), en relación cunha proposta de cesamento dunha persoa responsable dunha Comisión de Servizos que xerou numerosas dúbidas pola forma na que se estaba a tramitar.

Tamén se informou de que se está a traballar na transformación dos actuais complementos específicos en complementos tipo, co obxectivo de reducir e racionalizar a enorme variedade existente na actualidade, facilitando así unha maior homoxeneidade no sistema retributivo.

No relativo á Mariña Mercante, quen subscribe trasladou a súa preocupación pola situación xerada pola utilización de persoal de TRAGSA para realizar tarefas que, ao noso entender, corresponden claramente ao persoal empregado público. Entre elas, o rexistro de motos náuticas e embarcacións de recreo, así como a preparación da documentación para a súa posterior sinatura polo capitán marítimo correspondente.

Desde a nosa perspectiva, isto constitúe un proceso de privatización, independentemente da denominación que se lle queira dar. Non pode xustificarse alegando que determinadas capitanías marítimas, como as de Cataluña ou Baleares, sofren unha grave falta de persoal e que esta medida é provisional. O realmente necesario é analizar por que existen tantas prazas vacantes que ninguén quere ocupar e adoptar medidas eficaces para garantir un servizo público de calidade á cidadanía.

En materia de Estradas, a situación é semellante. Existen unidades con ata un 50 % das prazas de persoal laboral vacantes e sen cubrir. Lonxe de impulsar solucións estruturais para reforzar os cadros de persoal, a resposta máis sinxela parece ser recorrer a encomendas de xestión para que empresas privadas, como Ineco, realicen funcións que deberían ser desempeñadas por empregados e empregadas públicas.

En relación coa produtividade, informouse de que xa se efectuou un cálculo para determinar a contía global asignada a cada centro directivo. Non obstante, segue sen existir unha valoración nin unha unificación dos criterios que deberán utilizarse posteriormente para o reparto efectivo destas cantidades en cada unidade.

Para rematar, cómpre destacar que o Ministerio de Mobilidade e Transportes continúa sen contar cun Plan de Mobilidade Sustentable para o seu persoal. Así mesmo, analizáronse as garantías existentes para que os traballadores e traballadoras poidan comunicar irregularidades detectadas nos distintos departamentos ministeriais, prestando especial atención aos mecanismos de protección no ámbito da prevención de riscos laborais.