Nas prioridades da AESIA os dereitos do personal non alcanzan o TOP 10
UN PLAN DE FORMACIÓN QUE NON ATENDE ÁS PROPOSTAS DAS/DOS TRABALLADORAS/ES
Desde a CIG celebramos que, tal e como tiñamos demandado nas últimas reunións do Grupo de Traballo, a administración teña realizado unha enquisa de intereses formativos entre o persoal da AESIA, mais nesta reunión comprobamos como o Plan de Formación para 2026, aprobado cos votos a favor de UGT, CCOO e CSIF, non recolle as aportacións das traballadoras. Aprobouse un plan cos seguintes 5 cursos:
-
Fundamentos sobre la igualdad entre mujeres y hombres (20 horas)
-
Las leyes 39/2015 y 40/2015. Procedimiento legislativo de la UE (15 horas)
-
Contratación en el sector público (25 horas)
-
Utilización de normas y estándares para el desarrollo y la supervisión de sistemas de IA (15 horas)
-
La IA: aspectos regulatorios, prácticos y éticos (15 horas)
O resultado da enquisa entre os traballadores contiña ideas tremendamente interesantes sobre sesgos na IA, código aberto, desenvolvemento de proxectos, sistemas de calidade no proceso software… entre outras, mais estas foron desbotadas dando prioridade a cursos propostos na enquisa enviada polas xefaturas de unidades.
A AESIA CONTINUARÁ A INCUMPRIR COA LEXISLACIÓN NO VINDEIRO CONCURSO DE FUNCIONARIOS
Anunciouse nesta reunión que está próximo a convocarse un concurso para a provisión de postos cun total de 6 postos: 2 actualmente vacantes e 4 dos cubertos por adscricións provisionais. A lexislación é clara: a adscrición provisional só se pode empregar en 3 casos taxados na lei e os postos cubertos mediante esta fórmula extraordinaria deben sair inmediatamente a concurso. Sen embargo, na AESIA 10 postos están agora cubertos en adscrición provisional e parece que a dirección está decidida a que máis da metade sigan así, incumprindo coa lei e vulnerando o dereito das traballadoras e traballadores a poder participar nos procesos de cobertura dos mesmos. Desde a CIG seguiremos reclamando que saian a concurso tódalas vacantes e postos en adscrición.
ACCIÓN SOCIAL: PENDENTE DE RESOLVER O CONVENIO CO CONCELLO DA CORUÑA
A cidade da Coruña foi declarada cidade sede da AESIA en decembro de 2022. Hai polo tanto máis de 3 anos que coñecemos os compromisos que o Concello asumíu na súa candidatura, moitos deles relacionados con medidas de apoio ao persoal do organismo. Pois ben, en 2026 o Plan de Acción Social queda paralizado até que se aclaren aínda os termos dese acordo para coñecer a compatibilidade entre as axudas do Concello e as do Plan de Acción Social. Desde a CIG reclamamos que se calendarizase xa unha reunión para avanzar no Plan, pero a dirección rexeitou poñer prazos a sinatura do acordo entre a AESIA e o Concello da Coruña.
AS “NECESIDADES DO SERVIZO” INCLÚEN A PARTICIPACIÓN EN REPORTAXES XORNALÍSTICAS…
Na reunión, a Secretaría Xeral da AESIA motivou como “necesidades do servizo” a modificación/suspensión das autorizacións de traballo a distancia para requirir a asistencia ao centro de traballo dos traballadores/as con motivo da súa “participación” nunha reportaxe xornalística (que ademais non se chegou a realizar…). Desde a CIG deixamos clara a nosa discrepancia a este respecto, e solicitamos que no futuro se prioricen os dereitos dos traballadores sobre as necesidades de proxección da imaxe da AESIA, adaptando este tipo de iniciativas aos días nos que menos afecten aos acordos cos traballadores. Se tes calquera tipo de cuestión ou dúbida a este respecto, non deixes de poñerte en contacto con nós.
O ACORDO DE PRODUTIVIDADE QUEDA TAMÉN NO VAGÓN DE COLA
Desde a primeira reunión deste Grupo de Traballo, a CIG ven reclamando un acordo de produtividade propio para a AESIA, transparente e baseado en criterios obxectivos. Precisamos rematar cunha produtividade escurantista, inxusta e nada equitativa, con traballadores cobrando 6.000€ ao trimestre mentres outros non chegan aos 250€ sen que existan criterios claros para esta diferencia. O ano pasado a excusa era que a AESIA non tiña orzamento propio e que as nóminas as abonaba o Ministerio. Esa excusa morreu… mais parece que non hai presa algunha por parte da administración para poñer luz sobre esta cuestión. Cando a CIG intentou marcar unha data para comezar a traballar nun acordo de produtividade a resposta foi “tomamos nota… y le damos una vuelta”.
SEGUIMOS SEN UNHA SOLUCIÓN PARA O ACCESO AUTÓNOMO AO EDIFICIO
A AESIA continúa a vulnerar os dereitos das traballadoras a flexibilizar o seu horario de traballo ao non poder acceder ao edificio da rúa Veeduría fóra do horario de apertura do Centro Cívico. Levamos 5 meses reclamando unha solución que permita cumprir este dereito. As traballadoras teñen dereito a iniciar a súa xornada desde as 7:00 da mañá se así o desexan. Reclamamos unha solución para que o persoal da AESIA poda acceder ao seu centro de traballo sen depender do horario de apertura do edificio ao público.
INFORMACIÓN SOBRE A INSTALACIÓN DE CÁMARAS DE SEGURIDADE
Desde a dirección infórmase que nos vindeiros días distribuirase entre o persoal información referente á instalación do sistema de videocámaras de seguridade. Solicitamos que se tedes calquera tipo de dúbida ou cuestión a este respecto nolo comuniquedes.
E PARA REMATAR… “HAI AUGA NO BAÑO”
Para rematar a reunión preguntamos se se valoraba a posibilidade de instalar unha fonte de auga para o consumo por parte das traballadoras/es, unha vez o Concello ten solicitado que non se usen as súas polo persoal da AESIA. A resposta foi: “hai auga no baño…” Nada máis que declarar, señorías…