O Ministerio de Migracións volve recorrer ás Oficinas de Estranxeiría para salvar un proceso mal deseñado

Martes, 30 Xun 2026

Na reunión celebrada hoxe, 30 de xuño, a Dirección Xeral da Administración Xeral do Estado no Territorio comunicou a aprobación dun novo Plan Especial das Oficinas de Estranxeiría para asumir a gravación das solicitudes de regularización, por encomenda de xestión do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

A CIG leva meses denunciando que o proceso extraordinario de regularización impulsado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións nacera cun grave problema de planificación. É a propia Administración quen recoñece expresamente que o proceso foi mal dimensionado e que o Ministerio está desbordado.

A razón deste novo plan é demoledora. A propia Dirección Xeral recoñeceu que as previsións realizadas polo Ministerio de Migracións estaban completamente equivocadas. Segundo trasladou durante a reunión, esperábase recibir arredor de 500.000 solicitudes, pero xa se superou o millón, admitindo literalmente que o Ministerio "está desbordado".

Este recoñecemento supón admitir o fracaso da planificación política dun dos procesos administrativos máis importantes dos últimos anos.

O máis contraditorio é que, cando se deseñou a regularización extraordinaria, as Oficinas de Estranxeiría quedaron relegadas a un papel secundario. A recepción das solicitudes trasladouse ás Delegacións e Subdelegacións do Goberno, mentres se presentaba ás Oficinas de Estranxeiría como un simple apoio ao proceso.

Agora queda demostrado que aquel modelo non funcionou. O propio Ministerio de Migracións vese obrigado a pedir auxilio ás Oficinas de Estranxeiría, precisamente ás unidades que a CIG sempre defendeu como o verdadeiro eixo técnico da tramitación destes expedientes.

 

¿Por que é necesario aprobar outro plan extraordinario con carácter de urxencia?

A resposta é evidente, porque a realidade desmentiu o relato oficial e o proceso de regularización atópase nunha situación de colapso derivada dunha planificación claramente insuficiente.

A documentación foi entregada practicamente no mesmo momento da reunión e a propia Dirección Xeral recoñeceu que a encomenda acababa de recibirse e que era necesario actuar con máxima urxencia porque así o esixía o Ministerio de Migracións.

É dicir, un proceso que afecta a centos de miles de expedientes continúa xestionándose mediante decisións improvisadas e sen unha planificación seria nin negociación real coas organizacións sindicais.

Segundo explicou durante a reunión, será necesario solicitar unha transferencia extraordinaria de fondos ao Ministerio de Facenda para poder asumir o seu custo.

Outra das afirmacións foi que a Dirección recoñeceu que o prazo dun mes previsto para o plan "non ten sentido" tendo en conta o volume real de solicitudes pendentes, anunciou que trasladaría ao director xeral de Migracións a necesidade de ampliar a súa duración.

O plan baséase novamente na voluntariedade, na realización de gravacións fóra da xornada ordinaria, incluso mediante teletraballo, para compensar unha planificación política claramente errónea.

Desde o primeiro momento advertimos que relegar as Oficinas de Estranxeiría a un papel secundario era un grave erro. Hoxe, os propios feitos demostran que a CIG tiña razón, as Oficinas de Estranxeiría eran e continúan sendo a peza esencial para garantir o funcionamento deste proceso.

 

O problema nunca estivo no persoal, que unha vez máis está a responder con responsabilidade e profesionalidade. O que realmente fracasou foi a planificación política do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.