Primeira sentenza que condena a Administración a abonar danos e prexuízos por non ter tramitado en prazo a xubilación parcial dun laboral da Administración Xeral do Estado

Martes, 06 Feb 2024

Con data 12 de xaneiro de 2024, o Xulgado do Social número 14 de Sevilla ditou unha sentenza que recoñece, a un laboral do Ministerio de Defensa, unha indemnización por danos e prexuízos por demorar a tramitación da solicitude de xubilación parcial.

O traballador en cuestión había solicitado a xubilación parcial en maio de 2022, aportando toda a documentación precisa para que fose tramitada; case un ano despois, o 30 de marzo de 2023, acabou xubilándose de xeito ordinario; sen que a Administración tivese tramitado a súa solicitude. Agora o xulgado recoñécelle unha indemnización equivalente ao importe da xubilación deixada de percibir; ao considerar que a Administración actuou neglixentemente e sen xustificación da demora nos trámites; ocasionando un claro prexuízo para o traballador, que tivo que seguir prestando servizo durante un tempo no que xa podería estar desfrutando da súa xubilación.

Pola información da que dispoñemos na CIG, este non é un caso illado; por desgraza está a ser mais común do que debería; de aí que animemos a todas aquelas persoas que teñan que prolongar a súa vida laboral máis aló da data na que estableceron para o desfrute da xubilación parcial, presenten demanda contra a Administración e reclamen indemnización.