Valoracion dos cambios unilaterais da resollución de produtividade do Ministerio de Política Territorial
Ministerio rectifica o sistema de produtividade, pechada
unilateralmente en falso
O pasado 30 de xuño, apenas unhas horas antes da entrada en vigor do novo sistema de
produtividade, o Ministerio de Política Territorial remitiu ás organizacións sindicais un novo
correo comunicando modificacións de última hora nas resolucións tanto na que regula o
sistema de produtividade como na que fixa os obxectivos para o segundo semestre de 2026.
Que cambia?
Mantemento excepcional do complemento transitorio
A modificación máis relevante afecta á Disposición Transitoria Única. A partir de agora prevese
que, cando existan dificultades obxectivas para cubrir determinados postos, poida
manterse o complemento transitorio de produtividade asociado ao posto mesmo despois de
quedar vacante.
Esta previsión xa figura incorporada á Resolución asinada, pero a propia Administración
recoñece que a súa aplicación queda pendente dunha resolución independente que
establecerá os criterios, o procedemento e as condicións para autorizar ese mantemento.
Valoración da CIG
Desde unha perspectiva sindical, é positiva porque supón un recoñecemento implícito dun
problema que existe territorios con enormes dificultades para atraer e manter persoal, e perder
o complemento transitorio agravaría aínda máis esa situación. Pero tamén pon de manifesto
unha importante eiva, trasládase a regulación a unha futura resolución que nin sequera existe.
Isto introduce unha evidente inseguridade xurídica, deixa unha ampla marxe de
discrecionalidade e obrigará á que esa futura regulación sexa negociada e conte con criterios
públicos, obxectivos e transparentes.
Desaparece o complemento específico para a Alta Dirección de Madrid
A segunda modificación consiste na eliminación do Anexo Ib), que regulaba a produtividade
específica para determinados postos da Alta Dirección da Delegación do Goberno en Madrid.
A rectificación elimina un tratamento diferenciado co que estabamos totalmente en contra e que
finalmente a propia Administración decidiu retirar antes da entrada en vigor do sistema.
Valoración da CIG
Estas modificacións confirman que a Administración chegou ao 1 de xullo sen ter
completamente rematado o modelo.
Non é normal que unha resolución que afecta ás retribucións de centos de empregados e
empregadas públicas necesite ser corrixida poucas horas despois de ser asinada.
A CIG continúa considerando que:
- existe unha mellora económica respecto ao modelo anterior
- pero esa mellora non pode ocultar que o proceso estivo marcado pola improvisación
- e continúan existindo dúbidas importantes sobre a aplicación práctica, a transparencia e
o control do sistema.
A CIG estará especialmente vixiante na negociación da futura resolución que regulará o
mantemento dos complementos transitorios, para impedir decisións discrecionais e garantir que
os criterios sexan obxectivos, públicos e negociados. A CIG entende que un sistema de
produtividade non pode construírse sobre correccións de última hora nin sobre normas
pendentes de redactar.