A CIG ASINA O ACORDO ACADADO CO MINISTERIO QUE GARANTE O MANTEMENTO DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO TRALA PUBLICACIÓN DA LOMMESPX E CONSEGUE IMPORTANTES MELLORAS DEMANDADAS DENDE HAI TEMPO

Xoves, 09 Xan 2025

O día 8 de xaneiro materializouse a sinatura do acordo ao que chegamos hai uns meses co Ministerio e en virtude do cal este se comprometeu a modificar o texto inicial da Lei Orgánica de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.

Cando hai máis de dous anos se nos facilitou o primeiro dos borradores, a lei contemplaba a creación dunhas macro oficinas xudiciais que abranguían a todo o persoal de cada servizo común de tramitación, é dicir, de toda a localidade (a excepción dos tribunais). Isto supuña en moitos casos a desaparición total da mobilidade voluntaria dentro da mesma.
Ademais, non contemplaba o mantemento das retribucións complementarias fixas e as das gardas do persoal que as está a realizar na actualidade.

Grazas ao acordo asinado pola CIG:

- Garántese a negociación cos sindicatos das rpts e que a a aprobación destas non suporá a amortización do número de prazas existentes na actualidade
- Garántese que ningún funcionario ou funcionaria verá minguadas as súas retribucións complementarias fixas nin as gardas
- Obrígase a crear unha área en cada servizo común de tramitación cando menos cada doce prazas xudiciais así como equipos cando o número de efectivos sexa igual ou superior a 50.
- Primarase a voluntariedade no proceso de acoplamento dos actuais cadros de persoal e en ningún caso suporán cambio de localidade
- Auméntase ao 50% da OPE o número de prazas para promoción interna
- A LOMMESPX inclúe unha disposición adicional para regular a normativa básica sobre teletraballo no ámbito da Administración de Xustiza
- Convocarase no primeiro semestre do 2025 unha mesa de negociación sobre a carreira profesional e no segundo iniciaranse conversas encamiñadas á eliminación do grupo IV de poboación.

Aparte de todo isto, durante as negociacións a CIG pulou pola modificación da regulación para que o persoal vinculado á Seguridade Social non sexa xubilado obrigatoriamente aos 65 anos, idade á que aínda non ten dereito a pensión. Se ben non foi obxecto do acordo pola negativa do sindicato CSIF, si conseguimos que se modificara finalmente o art. 492 da LOPX nese sentido.

Tamén se conseguiu a modificación do Regulamento Orgánico de Letrados e Letradas para garantir a volta ao posto de orixe ao persoal do corpo de xestión en substitución.

A presión europea, con fondos incluídos se se aprobaba antes de finais de 2024 , facía que fora moi previsible que a norma saise adiante, como finalmente sucedeu, polo que o interese sindical foi dende o principio que non supuxese ningún agravio para o persoal de Xustiza e aproveitar para conseguir demandas longamente reiteradas, como o 50% da p.i. ou a regulación do teletraballo. Por esta razón consideramos que o acordo acadado é satisfactorio, se ben estaremos moi expectantes ao seu desenvolvemento e loitaremos durante as negociacións das relación de postos para que o resultado sexa unhas oficinas xudiciais eficientes e respectuosas cos dereitos do persoal da Administración de Xustiza.


Buscador

Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña:
    657 768 693 - 635 607 376
    cig.acoruna@xustiza.gal
  • Compostela:
    639 865 917
    cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol:
    637 108 945
    cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo:
    639 921 202 - 616 788 881
    cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense:
    636 424 191
    mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra:
    646 023 058
    cig.pontevedra@xustiza.gal
  • Vigo:
    669 760 087
    cig.vigo@xustiza.gal