A CIG TRASLÁDALLE AO MINISTERIO DE FUNCIÓN PÚBLICA AS SÚAS DEMANDAS PARA O PERSOAL DO SECTOR PÚBLICO

Xoves, 18 Abr 2024

Foi nunha reunión celebrada na sede do Ministerio o pasado 15 de abril, na que responsábeis do sindicato pediron cambios relevantes tanto nas formas como no fondo da negociación das retribucións e dos dereitos das traballadoras e traballadores das administracións públicas.


Unha delegación das federacións da Área Pública da CIG mantiveron a semana pasada unha reunión cos máximos responsábeis do Ministerio de Función Pública para a interlocución cos sindicatos que representan ás empregadas e empregados públicos, a directora xeral de Función Pública, Isabel Borrel Roncales e o subdirector xeral de Relacións Laborais, Eusebio Jiménez Arroyo.

Na reunión a delegación da CIG deu traslado aos cargos ministeriais dunha serie de cuestións que o sindicato, maioritario no conxunto das administracións públicas en Galiza, considera se deben afrontar no ámbito competencial do goberno estatal, tanto de carácter xeral para o conxunto do persoal ao servizo das diferentes administracións como particularmente para cada un dos sectores (educación, administración pública e sanidade).

Defensa do marco galego de negociación e do papel de mínimos do ámbito estatal


A CIG defendeu na reunión que se debe respectar o marco competencial e de negociación colectiva ao que temos dereito naqueles aspectos nos que o Estado non ten competencias exclusivas na xestión do persoal, que é claramente a maioría das persoas que en Galiza traballa no sector público. Por iso, fíxose fincapé en que as normas legais que se negocian e aproban no ámbito estatal deben ser respectuosas tanto co dereito a contarmos con normativa propia que non se vexa limitada polas inxerencias estatais así como a potenciar o marco de negociación dos diferentes sectores da administración.


Para todos os aspectos nos que o Estado xoga un papel de fixar unha normativa básica xeral a CIG defendeu que esta tivese carácter de mínimos e para o ámbito da AXE o sindicato amosou a súa predisposición, como vén sendo habitual, para negociar todos os aspectos que afecten ao conxunto dos e das traballadoras da administración central demandando que se teña en conta a pluralidade sindical existente no Estado, evitando prácticas habituais como a de chegar a acordos unicamente con sindicatos de obediencia estatal que logo son claramente rexeitados polas renuncias que implican para as traballadoras e traballadores.

Unha batería de propostas para mellorar as condicións de traballo no sector público


Estas foron as medidas globais, de común afectación a todos os sectores públicos, que a representación da Área Pública da CIG puxo enriba da mesa.

• Unha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC garantida por lei, evitando a perda de poder adquisitivo provocada polos últimos acordos sindicais.
• Un aumento salarial proporcional ás perdas retributivas dos último anos, asumindo na vindeira negociación como complemento adicional á suba vinculada ao IPC
• Eliminación inmediata das taxas de reposición que impiden a recuperación de postos de traballo nas administracións públicas
• Derrogación definitiva do RD-Lei 8/2010 o RD-Lei 20/2011 e RD-Lei 20/2012 que limitan a recuperación do poder adquisitivo
• Establecemento dunha xornada máxima de 35 horas semanais en todos os sectores públicos
• Garantir que se desenvolva un proceso de negociación colectiva previo de leis básicas ou estatutos na Mesa Xeral de Administracións Públicas
• O desenvolvemento da xubilación parcial das persoas funcionarias do Réxime Xeral da Seguridade Social e xubilación anticipada de colectivos que desempeñen funcións en condicións de penosidade, perigosidade, toxicidade entre outros.
• Recuperación do diñeiro depositado para plans de pensións en entidades privadas e integración nos salarios
• Implantación de plans de igualdade en todas as administracións. A CIG pide que se estabelezan os mecanismos para que as administracións que non cumpren coa implantación dos plans de igualdade sexan sancionadas.
• Recuperación da retribución básica completa no importe das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron reducidas polo RDL 8/2010.
• Actualización do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre compensación por razóns de servizo. Que se promovan as accións necesarias para a modificación do citado real decreto, para a unificación dos grupos existentes.
• Derrogación do apartado 2 do artigo 7, RD 861/1986, que establece o sistema retributivo dos funcionarios da Administración Local, que impón límites que agora son innecesarios e incompatibles co novo sistema retributivo.
• Aplicar para o conxunto do persoal do sector público un importe dos trienios correspondente ao que actualmente se percibe no subgrupo A1.
• Incluír no réxime especial do mar ás persoas funcionarias públicas que por razón de actividade deberan ter cabida nel ou establecer unha ponte que garanta a protección e os coeficientes redutores de telos por similitude do ámbito laboral.
• Igualdade plena de dereitos entre o persoal laboral e funcionario

• Melloras nos permisos e licenzas, incrementando os permisos por parto para ambos proxenitores, mellorar todos os permisos vinculados cos coidados e tutelas de fillos e maiores a cargo, con especial fincapé na atención á discapacidade.

No ámbito da administración xeral
• Sancións administrativas para todos aqueles cargos directivos que utilicen ou permitan utilizar de xeito fraudulento as comisións de servizo, rebaixando a duración destas a un ano de máximo e impedindo a reiteración de comisións de servizo nun mesmo posto de traballo
• Desenvolvemento do grupo B e integración directa neste grupo de todas as prazas ocupadas por persoal público ao que se lle esixiu para o ingreso a titulación de Técnico Superior, Técnico Especialista, Formación Profesional de 2o grado o equivalente
• Axilidade nos procesos selectivos e ofertas de emprego público que recollan todas as vacantes e a creación de prazas
• Creación Mesa de negociación da AXE na Galiza para a normalización da lingua galega no conxunto das administracións publicas e as condicións específicas dos postos de traballo no noso territorio.
• Acabar co abuso das horas extraordinarias, derivadas en moitos casos da propia perversión da taxa de reposición que, co pretexto do control do gasto, impide a creación de prazas pero non limita a ampliación das xornadas laborais mediante as horas extraordinarias, que se teñen que retribuír co incremento de gasto correspondente.
• Blindar as funcións do persoal funcionario público para evitar actuacións que supoñen un impacto social, no medio natural ou na economía do país (invasión eólica e mineira) establecendo un réxime claro que sancione ás persoas directivas das administracións públicas que asinen contratos con entidades publicas e privadas para realizar xestións, informes e trámites que ata de agora realizaban empregados públicos

No ámbito do ensino
• Recuperación con carácter xeral da xubilación anticipada que actualmente só se manténpara o persoal funcionario de Clases Pasivas, estendéndoa a quen pertence ao Réxime Xeral da Seguridade Social e rematando coa discriminación provocada pola reforma das pensións e os pactos sindicais estatais.
• Regular a plena competencia da Mesa Docente para chegar a acordos actualmente limitados pola normativa básica fixada por Función Pública (EBEP), nomeadamente a integración de todo o profesorado no subgrupo A1
• Regulación de enfermidades profesionais para o persoal docente
• Incorporación no EBEP da Mesa Sectorial de Universidades, superando a negativa á súa
creación na lexislatura anterior.

No ámbito sanitario
• Recoller na negociación do Estatuto Marco todas as peculiaridades do persoal da sanidade pública, aprobando unha clasificación profesional que recoñeza os requisitos de acceso e as funcións e as responsabilidades das distintas categorías.
• Recoñecemento da xubilación anticipada aos 60 anos e a xubilación parcial con contratos de relevo para o persoal estatutario.
• Exención de nocturnidade para o persoal maior de 55 anos.


Contacta coa CIG Xustiza

  • A Coruña: 657768693 - 635607376 cig.acoruna@xustiza.gal
  • Compostela: 699 234 284 - cig.santiago@xustiza.gal
  • Ferrol: 637 108 945 - cigxustiza.ferrol@gmail.com
  • Lugo: 639 921 202 - 669 557 395 cig.lugo@xustiza.gal
  • Ourense: 636 424 191 - mondraprayer@hotmail.es
  • Pontevedra: 646 023 058 - cig.pontevedra@xustiza.gal
  • Vigo: 669 760 087 - cig.vigo@xustiza.gal