A CIG-XUSTIZA REXEITA A CONCENTRACIÓN DAS REUNIÓNS DO CSS E DA MESA SECTORIAL NUNHA ÚNICA MAÑÁ E ESIXE AMPLIAR AS ORDES DO DÍA
A Dirección Xeral de Xustiza debe rectificar unhas convocatorias que impiden abordar con tempo suficiente os asuntos pendentes e que non respectan a boa fe negociadora.
Tras recibir onte pola tarde as convocatorias do Comité de Seguridade e Saúde (CSS) e da Mesa Sectorial de Xustiza (MSX), desde a CIG-Xustiza queremos manifestar o noso absoluto rexeitamento á fórmula escollida pola Dirección Xeral de Xustiza para a celebración destas reunións.
Non é de recibo que, despois de cinco meses sen convocar estes órganos de negociación e participación, a Administración pretenda concentrar nunha única mañá ambas reunións, cunha limitación de tempo que dificulta claramente o tratamento en profundidade dos asuntos pendentes.
Ademais, a CIG solicitou previamente a inclusión de diversos puntos nas ordes do día que, incomprensiblemente, non foron incorporados. Entre eles, cuestións de especial relevancia para o persoal da Administración de Xustiza, como:
- Teletraballo.
- Horario e prolongacións de xornada.
- RPT: funcións e equipos de traballo.
- Gardas de 24 horas nos partidos xudiciais da Coruña e Vigo.
- Estudos psicosociais.
- Simulacros e plans de emerxencia.
- E outros asuntos que permanecen pendentes de abordar.
Consideramos que esta maneira de proceder está moi lonxe da boa fe negociadora que debe presidir as relacións entre a Administración e as organizacións sindicais. A negociación non pode converterse nun mero trámite formal nin nunha sucesión de reunións apresuradas nas que resulte imposible analizar, debater e buscar solucións aos problemas reais do persoal.
Por todo isto, desde a CIG-Xustiza instamos á Dirección Xeral de Xustiza a rectificar de inmediato e a:
- Ampliar as ordes do día do Comité de Seguridade e Saúde e da Mesa Sectorial, incorporando todos os puntos solicitados previamente pola CIG.
- Establecer días diferentes para a celebración de ambas as reunións, garantindo o tempo necesario para abordar todos os asuntos con rigor e posibilitar unha negociación real e efectiva.
A CIG-Xustiza non vai aceptar unha negociación de trámite nin que se despachen en poucas horas asuntos que levan meses agardando resposta.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cigxustiza.acorunha@gmail.com - Compostela:
604 042 377
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
josefinaiglesiasdelacampa@yahoo.es - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal