
MESA SECTORIAL DE XUSTIZA RESUMO E CONCLUSIÓNS
Hoxe compañeiras da CIG asistiron a Mesa Sectorial de Xustiza, celebrada na sede da EGAP en Santiago de Compostela.
O resumo do alí acontecido é:
TRAXECTORIA PROFESIONAL
A Dirección Xeral propuxo a apertura dunha nova convocatoria extraordinaria de acceso aos graos I e II a imaxe e semellanza da aprobada para a Administración autonómica e que na nosa opinión é peor ca do ano 2022.
Este sindicato volveu a reiterar que se debe contemplar un proceso aberto, no que cada funcionario/a poida solicitar o grao no momento en que cumpra os requisitos inherentes a cada un. Isto de andar abrindo procedementos extraordinarios só produce discriminacións.
A proposta da Administración tiña como data de efectos económicos e cumprimento dos requisitos o 31 de decembro do 23 para tramitación e auxilio e o 31 de decembro do 2024 para xestión e medicina forense, pero abriuse á posibilidade de fixar a data de 31 de marzo de 2024 para os catro corpos en aras a que poidan acceder as persoas de novo ingreso e as que veñan no concurso de traslados. Os efectos económicos, iso si, tamén se retrasarían para todos/as e prexudicaría ás persoas que a 31.12 .23 estaban traballando e non o estean a 31 de marzo por teren cesado como interinas.
O que baixo ningún concepto vai mudar van ser as porcentaxes que lle veñen dadas por Función Pública (33% no 24, 66% no 25, 100% no 26) empeorando claramente as de 2022 (60,80,100).
CALENDARIO LABORAL
Neste caso tampouco a Administración se amosou disposta a facer grandes cambios sobre o borrador que achegou, mais aló de estudar a ampliación da posibilidade de realizar o horario flexible no inverno ata as 20 horas. Tampouco aclarou como se vai producir a compensación horaria dos Xulgados exclusivos de Violencia pero si deixou claro que desta volta non se van a incluír o resto de Xulgados con competencia na materia.
Nada contestou sobre as nosas peticións de reducir o horario fixo a cinco horas diarias, nin a suprimir a novidosa obrigatoriedade de solicitar quince días de vacacións no período do verán.
A reivindicación que si se asume é a de poder xuntar os sete días soltos de vacacións aos días por asuntos particulares.
CREACIÓN DE NOVAS PRAZAS
A DX está disposta a crear só 8 prazas novas este ano (1 xestión, 6 tramitación e 1 auxilio) a maiores das precisas para o novo órgano civil da Coruña.
MODIFICACIÓN RPT FISCALÍA
Debido a que o Ministerio, no RD 311/2023, eliminou da estructura orgánica da Fiscalía as seccións territoriais de Verín e Cambados, a DX decidiu eliminar as prazas de tramitación adscritas a elas e proceder a unha reordenación medio encuberta do persoal alí destinado. Polo que esta modificación que se presentou pola DX non obedece a ningunha ampliación do cadro de persoal, como vimos solicitando dende a CIG, dado que as relacións de postos de traballo se alonxan cada vez máis da ratio un/ha funcionario/a por cada fiscal/a. O mesmo RD que eliminou esas seccións territoriais tamén aumentou o cadro de fiscais en Galiza, en concreto unha na Coruña e outra en Ourense, sen que iso teña repercusión no cadro de persoal deses órganos para a DX.
ROGOS E PREGUNTAS
- A CIG espuxo a problemática que se está a dar nos SCACE debido ao aumento considerable de actuacións que se deben realizar en horario de tarde e noite, o que provoca que se estea a vulnerar a normativa posto que non se está a respectar o período mínimo de descanso de 11 horas; ademais, non é doado proceder ás compensacións horarias e por riba o persoal debe levar a documentación para a súa casa, incluso toda a fin de semana, por estar pechadas as dependencias xudiciais ao seu regreso. É por iso polo que solicitamos un protocolo que evalúe a situación e facilite o labor dos/as compañeiros/as.
- Tamén preguntamos se a DX ten algún plan trala entrada en vigor do RD 6/23 que impón a dixitalización de todo documento que chegue aos órganos e tribunais en formato papel. Pero, como imaxinabamos, parece ser que non.
- Reiteramos a necesidade de estudiar o procedemento de atribución de funcións do corpo de auxilio así como as propias funcións do persoal dese corpo destinado nos Decanatos e nos Servizos Comúns de apoio, dado que a falta de normativa está a producir distorsións e situacións distintas nas sete cidades.
Buscador
Contacta coa CIG Xustiza
- A Coruña:
657 768 693 - 635 607 376
cig.acoruna@xustiza.gal - Compostela:
639 865 917
cig.santiago@xustiza.gal - Ferrol:
637 108 945
cigxustiza.ferrol@gmail.com - Lugo:
639 921 202 - 616 788 881
cig.lugo@xustiza.gal - Ourense:
636 424 191
mondraprayer@hotmail.es - Pontevedra:
646 023 058
cig.pontevedra@xustiza.gal - Vigo:
669 760 087
cig.vigo@xustiza.gal