A Administración quere máis traballo, máis responsabilidade... pero sen pagar!

Venres, 28 Feb 2025

Na Mesa de Negociación de hoxe, convocada como Mesa Xeral, e referida só a unha nova instrución e resolución que afecta ao traballo no departamento de Inspección, a Dirección da AEAT volveu demostrar cal é o seu modelo de xestión: máis carga de traballo, máis responsabilidade, máis flexibilidade... e cero melloras retributivas. A súa proposta para modificar a Resolución sobre organización e atribución de funcións na Inspección supón unha transformación que recae, unha vez máis, sobre as costas dos traballadores, en particular sobre os Técnicos de Facenda e os Axentes de Facenda Pública.

O que queren impoñer
  • Unidades de Inspección formadas exclusivamente por Axentes de Facenda Pública, pero dirixidas por Técnicos de Facenda. Un claro exemplo de como se lles asignan novas funcións sen recoñecemento nin compensación.
  • Incremento das competencias da Inspección, maior carga de traballo e responsabilidade para Técnicos e Axentes, sen que iso se vexa reflectido en subas salariais nin na carreira profesional.
  • A flexibilización das funcións e a sobrecarga de traballo, igual que aconteceu co Modelo de Información e Asistencia, pero agora aplicado á Inspección.

Se o novo modelo de información e asistencia supón converter Xestión nunha xigantesca ADI a prezo de saldo, isto supón trasladar ese mesmo modelo á Inspección. E todo sen negociar a carreira profesional nin reverter a perda de poder adquisitivo que a maioría do persoal da AEAT experimentamos nos últimos lustros.

A nosa postura: NON SEN RETRIBUCIÓN!

Desde a CIG rexeitamos de fronte esta modificación se non vén acompañada de:
  • Incrementos salariais e recoñecemento económico para quen asuma máis responsabilidades.
  • Unha reactivación real da carreira profesional, tanto horizontal como vertical, con criterios claros e obxectivos.
  • Negociación das produtividades para garantir un reparto xusto entre os diferentes corpos da AEAT.
  • Defensa dun modelo de Inspección baseado na especialización e non na precarización dos postos de traballo.

A Administración di que esta reorganización mellorará a eficacia e eficiencia. Pero a realidade é que só busca facer máis con menos, a costa dos traballadores. Se hai máis traballo e máis responsabilidades, ten que haber máis salario e mellores condicións. Sen iso, non imos aceptar que nos sigan precarizando.

Seguiremos loitando para que non se impoñan cambios que só beneficien á Dirección en detrimento dos traballadores da AEAT!