A CIG convoca concentracións en Ferrol e Marín por salarios dignos para o persoal civil do Ministerio de Defensa

Mércores, 18 Mar 2026

O conflicto laboral por motivos salariais de discriminación entre o persoal público dun mesmo Ministerio iniciado hai un ano continúa aberto.

A mellora salarial unilateral ofrecida a finais do ano pasado pola Administración non solucionou o cerne do problema, e co comezo deste 2026 volvemos ao punto de partida da situación de discriminación.

O motivo polo que non se logra a consolidación da suba ofrecida na estrutura retributiva do persoal é porque a medida adoptada pola Administración non é idéntica à que utilizou para aplicar a suba ao persoal funcionario militar, nen en cantidade, nen en calidade.

O persoal militar experimentou unha suba de 2800€ brutos anuais repartidos en 14 pagas, consolidada mediante Real Decreto para todos os seus postos. Porén, o persoal civil obtivo unha “gratificación salarial” de 2400€ brutos anuais, na forma de concesión unilateral, que debe ser revisada anualmente, e que fica à vontade exclusiva da Administración.

Para reverter esta situación, a CIG presentou a mediados de febreiro unha proposta na Mesa Negociadora do Ministerio orientada a abrir un proceso negociador real que permita mellorar a cantidade e consolidala na relación de postos de traballo do conxunto do persoal civil, para que non fique nunha mera concesión da Administración à baixa.

A proposta foi tratada formalmente na reunión do 26 de febreiro da Mesa de Negociación de Defensa. O Ministerio non se posicionou e limitouse a expresar que “non era o seu ámbito competencial e que debería ser tratado no ámbito superior de negociación”, que é a Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado.

Da CIG elevaremos a proposta à Mesa Xeral ante Función Pública, porque entendemos que a solución máis xusta ao conflicto laboral pasa por “facer o mesmo que se fixo co persoal militar”, co obxectivo de consolidar definitivamente a mellora salarial froito da discriminación cometida.

Paralelamente ao noso traballo nas Mesas Negociadoras, impulsamos e promovemos a mobilización activa do persoal como o medio máis convincente e lexítimo para conseguir as melloras salariais por dereito e non por concesión unilateral da Administración.

Por iso é que convocamos ao persoal civil empregado no Ministerio de Defensa en Galiza a loitar por salarios dignos en dúas concentracións para o xoves 26 de marzo às 11,00hh, unha ante a Escola Naval Militar de Marín e a outra na porta do Parque do Arsenal Ferrol.