A CIG denuncia o atraso e a falta de transparencia na oferta de destinos da promoción interna ao corpo de Xestión Civil do Estado (A2)

Martes, 28 Abr 2026

Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia a deficiente xestión do Ministerio de Función Pública na publicación da oferta de destinos para as persoas aprobadas no corpo de Xestión Civil do Estado (A2) pola quenda de promoción interna.

A resolución fíxose pública con máis dun ano e medio de atraso respecto da realización do exame, celebrado en decembro de 2024, nun proceso que acumula prazas correspondentes ás ofertas de emprego público dos anos 2021, 2022, 2023 e 2024. Este novo atraso evidencia, unha vez máis, a falta de planificación e dilixencia por parte da Secretaría de Estado de Función Pública.

A CIG leva tempo alertando da deriva na xestión dos procesos de promoción interna, caracterizada por atrasos sistemáticos, incumprimento da normativa vixente, opacidade e ausencia de información clara para o persoal afectado.

Especialmente grave resulta a eliminación, nas bases das convocatorias, do dereito á permanencia no posto de traballo recollido no artigo 78.2 do Real Decreto 364/1995. Esta decisión limita o exercicio efectivo do dereito á promoción profesional e prexudica gravemente as condicións laborais do persoal da Administración Xeral do Estado.

A pesar dos requirimentos e solicitudes de información presentados pola CIG en outubro de 2025 e febreiro de 2026, a Administración non deu resposta, mantendo unha actitude de silencio que cualificamos de inaceptable.

No caso concreto deste proceso, as persoas aprobadas solicitaron en decembro o exercicio do dereito á permanencia, sen recibir comunicación algunha durante case seis meses. Ademais, a publicación da oferta realizouse un luns pola tarde, abrindo de inmediato o prazo de elección de destinos, nunha mostra máis de falta de respecto polas necesidades de organización persoal e familiar do funcionariado.

Desde a CIG esiximos unha rectificación inmediata desta forma de proceder e reclamamos unha xestión transparente, áxil e respectuosa cos dereitos do persoal público. O funcionariado merece poder planificar a súa vida con garantías e exercer plenamente os seus dereitos á promoción profesional, á conciliación e á mobilidade.