A CIG denuncia unha OEP 2026 sen negociación real, sen reforzo de persoal e incapaz de resolver o colapso dos servizos públicos

Mércores, 06 Mai 2026

A historia repítese un ano máis. O Goberno aproba este martes 5 de maio no Consello de Ministros unha nova Oferta de Emprego Público para o ano 2026 e volve mentir cando fala de reforzo dos servizos públicos, de creación de emprego e de modernización da Administración. Sobre o papel, 27.232 prazas. Na práctica, as mesmas cifras que o ano pasado e os mesmos problemas sen resolver.

Pero esta vez hai algo que marca a diferenza. Non polo que trae a oferta, senón por como se constrúe. Durante semanas, as organizacións sindicais asistiron a reunións nas que se falaba de “liñas xerais”, de intencións e de prioridades, pero nunca de números. Nunca de prazas concretas. Nunca de distribución real.

Sen datos, non hai negociación. E o que debía ser un proceso de diálogo converteuse nun trámite baleiro, nunha escenificación na que a Administración xa tiña todo decidido.

Mentres tanto, a realidade segue o seu curso. No SEPE, o persoal continúa asumindo unha carga de traballo que non deixa marxe. Na Seguridade Social, os atrasos acumúlanse e a presión sobre a atención á cidadanía non baixa. Nas oficinas de Extranxeiría, o colapso xa non é unha advertencia, é o día a día. Expedientes que se acumulan, tempos que se alongan, persoal que non chega.

Non é unha situación puntual. É o resultado dun déficit estrutural de persoal que leva anos medrando e que esta oferta, simplemente, non corrixe.

Porque o problema non é só cantas prazas se anuncian. É que moitas delas nin sequera chegan a materializarse. Hai convocatorias pendentes de anos anteriores, procesos selectivos sen resolver, ofertas que levan case tres anos sen executarse. Un sistema de provisión que non funciona, incapaz de transformar as cifras en persoas traballando.

E así, ano tras ano, repítese o mesmo, anúncianse miles de prazas mentres os servizos seguen sen persoal suficiente.

Neste contexto, o acordo das 35 horas onde se comprometían a reforzar os servizos públicos, e que a CIG non asinou porque non había garantias e pediamos ver o borrador da OEP 2026, deixa en evidencia a este goberno e os sindicatos asinantes (CSIF, UGT e CCOO). Porque reducir a xornada sen reforzar os cadros de persoal non é avanzar, é tensionar aínda máis o sistema público.

A Administración fala de planificación, de transformación e de modernización. Xa o dicía tamén na oferta anterior, cando presentaba o emprego público como unha peza clave para reforzar os servizos e garantir a atención á cidadanía . Pero entre o discurso e a realidade segue habendo unha distancia difícil de xustificar.

Ao final, o que queda é unha sensación coñecida e que desgraciadamente repítese cada ano, moito anuncio, pouca concreción e ningún cambio de fondo.

Desde a CIG, a conclusión é clara. Non estamos ante unha oferta que resolva problemas, senón ante unha oferta que os mantén. Sen negociación real, sen datos enriba da mesa e sen un reforzo efectivo dos cadros de persoal, a OEP de 2026 queda reducida a iso, un titular máis.

E mentres tanto, nos centros de traballo, a realidade segue sendo a mesma