A OEP 2026 arranca entre atrasos e unha negociación sen contido

Domingo, 19 Abr 2026

A Dirección General de la Función Pública convocou este 17 de abril á Comisión Técnica de Temporalidade e Emprego para abordar a Oferta de Emprego Público (OEP) 2026. A convocatoria chega nun momento marcado polos atrasos acumulados dos últimos anos e pola falta de execución real das prazas xa anunciadas.

Durante a reunión foi o Subdirector General de Planificación de Recursos Humanos y Retribuciones quen realizou unha exposición xeral da situación actual e das intencións da Administración de cara a esta nova oferta. Esa intervención non se traduciu na presentación dun documento concreto nin dunha proposta detallada de prazas para 2026

Lonxe de supoñer un avance, a reunión evidenciou unha dinámica que se repite exercicio tras exercicio, a ausencia de documentación concreta e a falta de contido real na negociación. Función Pública non presentou ningún documento no que se recolla a proposta de prazas para 2026, limitando o encontro a unha toma de contacto sen cifras nin compromisos. A Administración volve repetir a mesma estratexia de todos os anos, convocar reunións, facer exposicións longas e cargadas de mensaxes positivas, pero sen presentar ningún documento nin proposta concreta de prazas. Pero o máis grave é que a propia Administración recoñeceu abertamente que o que se está a negociar son “liñas xerais”. É dicir, nin sequera estamos ante unha negociación sobre contidos reais, senón ante unha conversa abstracta, sen base material, sen cifras e sen concreción.

Deste xeito, reprodúcese unha estratexia coñecida, baseada nunha negociación formal sen base material, onde as decisións parecen previamente pechadas e o proceso queda reducido a unha mera escenificación.

A situación resulta especialmente preocupante se se ten en conta o estado dos procesos selectivos dos últimos anos. As convocatorias continúan acumulándose, con procedementos que se arrastran durante varios exercicios e nomeamentos que se retrasan máis alá do razoable.

Convocatorias de 2022 seguen vinculadas a procesos de 2024 e 2025, mentres novas ofertas se incorporan a un sistema que non é capaz de pechar os ciclos en prazo. Esta dinámica evidencia un modelo que non funciona con criterios de planificación, senón de arrastre continuo

Un dos ámbitos máis afectados por esta situación é a promoción interna, onde os atrasos son máis acusados e a execución máis lenta. A falta de prioridade neste ámbito limita na práctica a carreira profesional do persoal público e reduce a eficacia organizativa da Administración.

A acumulación de procesos convive ademais coa existencia de convocatorias que non chegan a cubrirse. Procesos desertos, anulados ou caducados forman parte dunha realidade que cuestiona a eficacia do sistema e evidencia problemas de planificación e de condicións ofertadas.

A isto súmase o mantemento da taxa de reposición, que continúa condicionando a incorporación de persoal e dificulta a cobertura das necesidades reais derivadas de xubilacións e incremento de cargas de traballo.

A convocatoria da Comisión Técnica para a OEP 2026 volve situar o foco nunha cuestión clave, a distancia entre o que se anuncia e o que realmente se executa.

A falta de propostas concretas, a acumulación de procesos e as dificultades para cubrir prazas poñen en cuestión a capacidade do sistema para responder ás necesidades da Administración.

 

Desde a CIG temos claro que non imos participar nesta escenificación. Exiximos:

● Un documento completo coa proposta de prazas da OEP 2026.

● Datos reais de necesidades por sectores e territorios.

● Garantías de cobertura efectiva das prazas.

● Planificación específica para os ámbitos máis saturados, especialmente extranxería e atención á cidadanía.

● Solución inmediata ao atraso do persoal laboral do IV Convenio.

● Eliminación das limitacións que impiden reforzar os servizos públicos.

Mentres non se aborden estes problemas de fondo, a oferta de emprego público seguirá sendo un instrumento propagandístico e incapaz de dar resposta ao colapso estrutural da Administración.