Comisión Técnica de Emprego e temporalidade Mesa 36.3. Función Pública

Luns, 06 Xul 2026

A CIG denuncia a teatralización da negociación das indemnizacións por residencia, a Administración chega coa decisión tomada

A Comisión Técnica de Temporalidade e Emprego celebrada hoxe 3 de xullo confirmou o que a CIG leva anos denunciando, a Administración continúa utilizando os órganos de negociación como un simple trámite para validar decisións que xa veñen pechadas.

A reunión non serviu para negociar o modelo das indemnizacións por residencia. Serviu para escenificar unha negociación inexistente sobre unha proposta que a propia Administración recoñeceu que xa estaba practicamente decidida e que pretende aprobar de inmediato.

A reunión, que apenas durou trinta minutos, estivo presidida pola Directora Xeral da Función Pública e polo Director Xeral de Custos de Persoal do Ministerio de Facenda.

A propia directora xeral admite que a modificación se incorporou "a última hora" aproveitando a tramitación do Real Decreto-lei sobre a xubilación parcial e que había "escasas posibilidades de negociación real".

O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI (2025-2028), asinado polo Goberno con CCOO, UGT e CSIF, establece expresamente:

"Asimismo, se revisarán al alza en 2026 las indemnizaciones por razón de servicio, incorporando criterios de igualdad entre empleadas y empleados públicos, y los complementos de residencia e insularidad."

É dicir, o compromiso non se limitaba ás Illes Balears. Falaba dunha revisión xeral das indemnizacións por razón de servizo, incorporando criterios de igualdade e revisando tanto os complementos de residencia como os de insularidade.

O propio acordo comprometía ao Goberno a revisar durante 2026 as indemnizacións por razón de servizo, os complementos de residencia e de insularidade, incorporando criterios de igualdade. Transcorrida xa boa parte do ano, a única medida presentada é unha actuación parcial limitada ás Illes Balears, mentres o resto da reforma continúa sen iniciar.

Esta forma de actuar confirma o que a CIG leva anos denunciando: a Administración utiliza os acordos para anunciar grandes compromisos, pero despois incumpre os prazos, limita o seu alcance e executa unicamente aquilo que lle resulta máis conveniente, deixando o resto pendente sen explicacións.

A CIG valora positivamente calquera incremento retributivo para o persoal afectado. Sempre defenderemos que quen sofre un maior custo da vida debe percibir unha compensación adecuada.

Pero non imos participar na propaganda da Administración nin presentar como unha solución definitiva o que apenas é unha modificación parcial.

A equiparación das contías de Baleares coas actualmente existentes en Canarias non resolve o verdadeiro problema: ambas as dúas referencias están claramente desfasadas respecto do custo real da vida.

Igualar dúas cantidades insuficientes non significa facer xustiza retributiva. Durante a reunión, a propia Dirección Xeral admitiu expresamente que esta modificación non desenvolve a revisión integral comprometida no Acordo Marco e que esa negociación queda pendente para máis adiante.

É dicir, a Administración recoñece que quedan sen resolver cuestións fundamentais como:

● a actualización real das contías conforme ao custo da vida

● a revisión do conxunto das indemnizacións por residencia en todos os territorios

● a incorporación do Grupo B ● a revisión dos trienios

● a actualización do marco normativo das indemnizacións por razón de servizo.

Todo iso queda novamente aprazado.

A CIG denunciou durante a reunión que a Administración convocou esta Comisión cando a decisión xa estaba pechada. De feito, as organizacións sindicais nin sequera dispoñían inicialmente do texto definitivo da Administración mentres xa se anunciaba a súa inmediata aprobación. Esta forma de actuar converte a negociación colectiva nunha simple formalidade administrativa e baleira de contido os órganos de representación do persoal. Non é negociar. É informar dunha decisión previamente adoptada.

A diferenza da CIG, outros xa preparan o titular do "éxito"

Son as mesmas organizacións que asinaron o Acordo Marco 2025-2028 (CSIF, CCOO e UGT) e que agora teñen a obriga política de vender como éxitos todos os seus desenvolvementos, aínda que estes sexan claramente insuficientes. A CIG seguirá defendendo unha reforma integral das indemnizacións por residencia baseada en criterios obxectivos e transparentes:

● actualización das contías conforme ao custo real da vida;

● cláusula automática de revisión periódica vinculada á evolución dos prezos;

● eliminación das desigualdades entre territorios;

 

● revisión dos trienios;

● actualización completa do Real Decreto de indemnizacións por razón do servizo.

As empregadas e empregados públicos non necesitan campañas de propaganda nin fotografías de acordos. Necesitan negociación real, compromisos concretos e retribucións que compensen efectivamente o sobrecusto de vivir nos territorios afectados.

E iso, unha vez máis, segue pendente.