CIG, xunto con SIAT, UGT, CSIF e CCOO convoca unha concentración diante da Delegación da AEAT na Coruña demandando melloras laborais

Xoves, 23 Mai 2024


A Confederación Intersindical Galega chama á dirección da AEAT a “negociar de boa fe a aplicación do acordo de carreira para todo o persoal ao servizo da Axencia”. 

 A Confederación Intersindical Galega (CIG), primeira forza na función pública en Galiza e primeira forza na xunta de persoal da AEAT na Coruña, convocou para hoxe unha concentración diante da sede da Delegación da AEAT na Coruña
 A xornada de mobilización enmárcase no conflito declaradco pola CIG, xunto con UGT, SIAT, CSIF e CCOO, en demanda de xustiza salarial na AEAT. Nos últimos 6 anos a dirección da AEAT dedicouse a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións dos que máis cobran, de xeito que en 2023 a AEAT tiña os 1265 grupos A1, que cobran os específicos máis altos de toda a Administración do Estado 
Henrique García Outeiral, responsábel da CIG na AEAT, exixiu á dirección da Axencia Tributaria “un xesto que amose a vontade de virar o rumbo desta situación de parálise na negociación colectiva”. Neste sentido, a Confederación Intersindical Galega chama á dirección da AEAT a “negociar de boa fe a aplicación do acordo de carreira para todo o persoal ao servizo da Axencia” 
Ademais, o persoal da AEAT reclama “reactivar a carreira profesional para todas as empregadas e empregados da Axencia Tributaria, a negociación de todas as produtividades e dun novo convenio colectivo, dun xeito equilibrado e proporcional entre todos os grupos e colectivos que compoñen o cadro de persoal” 
O persoal da Axencia Tributaria reclama, así mesmo, o desenvolvemento do teletraballo e a negociación do servizo de atención telefónico, anunciado pola ministra María Jesús Montero, que non quixo negociar as condicións laborais deste servizo en xornada de mañá, e a mellora das condicións laborais para o colectivo de Vixilancia Aduaneira, catalogando este destino como profesión de risco e reforzando os medios materiais e humanos 
A concentración, convocada para as 10:30 h de hoxe mércores diante da Delegación Especial da AEAT en Galiza (rúa comandante Fontanes), á que asistiron case 200 traballadoras e traballadores da AEAT, foi unha máis das mobilizacións convocadas coincidindo co inicio da campaña de renda. Non se descarta estender estas concentracións a todos os centros de traballo da AEAT nas vindeiras semanas nin a convocatoria dunha folga.