Continúa o peche na Dirección Xeral da AEAT mentres a Dirección provoca retirando a reserva de provincia na promoción interna

Mércores, 12 Xun 2024
Lonxe de achegar posicións para dar saída ao conflito declarado na AEAT por SIAT, UGT, CSIF, CCOO e CIG, a Dirección da Axencia Tributaria ven de botar gasolina ao lume ao remitir un documento sen asinar no que "interpreta" o Acordo de Carreira de 2007 para retirar a reserva de provincia nos procesos de promoción interna
 
A CIG, canda SIAT, UGT, CSIF e CCOO levamos meses denunciando a deriva antidemocrática do equipo de Dirección da AEAT. Afeitos a vulnerar os dereitos dos traballadores, tal e como confirmaron ducias de sentenzas condenatorias no último ano, cren que tamén poden vulnerar o dereito á información recoñecido na Constitución.
 
A Directora Xeral da AEAT prohibiu que os medios de comunicación poidan acceder ao peche de delegad@s sindicais que están a reclamar o cumprimento dos acordos asinados pola propia AEAT (Acordo de Carreira 2007, Acordo de Horarios…) e a negociación de novos acordos que garantan os dereitos do persoal (novo Convenio Colectivo, teletraballo, recoñecemento de Vixilancia Aduaneira como profesión de risco, negociación de horarios especiais, negociación do modelo de Información e Asistencia, recoñecemento do ano natural por servizos prestados polo persoal FD…).

Como consecuencia desta actitude ditatorial, as organizacións sindicais tivemos que conectar vía Zoom ou vía telefónica cos medios e temos que remitir material gráfico ou audios aos xornalistas para que poidan cumprir coa súa misión de informar á cidadanía. Est@s privilexiad@s están afeit@s a ocupar as vivendas públicas, a vivir de balde en áticos de luxo situados en zonas privilexiadas das principais cidades do país cobrando máis de 150.000 €, por iso confunden un edificio público co seu patrimonio privado e permítense o luxo de coartar o dereito á información dos medios.

Ante esta actitude da Directora Xeral, as organizacións sindicais remitimos un escrito aos grupos parlamentarios convidándoos a visitar o peche para que @s diputad@s comproben in situ o estado de quebra no que se atopa a Dirección da AEAT e como tratan aos traballadores a Directora Xeral e o Secretario de Estado de Facenda.

SIAT, UGT, CSIF, CCOO e CIG non deixaremos de denunciar a degradación institucional á que nos levou o actual equipo de Dirección, despois de seis anos á fronte da AEAT. Desde a creación da Axencia, esta Directora foi a primeira en conseguir apiñar durante tres días e as súas respectivas noites aos representantes dos traballadores, a quen se achega de vez en cando a Directora Xeral para preguntarlles se “reflexionaron” sobre a necesidade de abandonar as mobilizacións porque ela non é capaz de ofrecer ningunha solución aos problemas do persoal, o seu xefe está en paradoiro descoñecido e a Ministra de Facenda non lle fai caso.
O noso peche continuará até que haxa propostas serias para solucionar os problemas das traballadoras e traballadores. 
 
Polo momento, a Dirección da AEAT é incapaz de facer propostas nos temas obxecto de conflito. A Directora Xeral reiterou as mesmas promesas incumpridas: que cando haxa presupostos xerais haberá melloras pero que hai que saír do conflito sen ningunha garantía nin nada a cambio. A actual Directora mantén un dobre discurso que só demostra a súa propia incapacidade para o cargo que ocupa. Se ela non ten capacidade para buscar solucións e dar cumprimento á palabra dada, todas e todos nós, os sindicalistas da AEAT, seguiremos acampados día e noite no seu despacho ata conseguir que o actual Secretario de Estado de Facenda dea a cara publicamente ante os traballadores da AEAT e responda por iso politicamente.
 
Tras a perda de poder adquisitivo sufrida por todo o persoal funcionario e laboral nas últimas crises, os actuais xestores da AEAT só expoñen melloras para un reducido número de “elixidos” á conta das lexítimas reivindicacións do conxunto do persoal da AEAT. E para o resto, NADA. Migallas. Non imos permitir que os actuais xestores rompan os equilibrios da negociación colectiva e vulneren dereitos laborais e sindicais na Axencia Tributaria. Non imos permitir que sigan desprezando a todas as traballadoras e traballadores sen achegar solucións a todos os puntos expostos. Non aceptamos a escusa de sempre: non hai orzamentos xerais, pero, ao mesmo tempo, si que demostran a súa plena capacidade para tentar recortar dereitos xa consolidados ou impoñer novas funcións a cambio de nada. Non nos tragamos os seus contos e non substituiremos as lexítimas reivindicacións e aspiracións de carreira profesional (horizontal e vertical) de todo o persoal funcionario e laboral, por un “modelo de carreira a dedo” baseado en libres designacións. Porque este é o modelo que queren impoñer. Un modelo feito “á medida” do xefe ou dos políticos de quenda. Sen interlocutores sociais porque se cren “moi especiais”, “moi sabios”. Non imos permitir que os actuais xestores da AEAT impoñan un modelo clientelar, máis propio dunha Administración decimonónica ou terceiromundista que dunha verdadeira Axencia Tributaria para o século XXI.

En defensa dos nosos dereitos e mellora das nosas retribucións seguiremos reivindicando:
  1. A reactivación do Acordo de carreira horizontal e negociación da carreira vertical d@s funcionari@s
  2. Negociación dun novo convenio colectivo, con incremento retributivo e con carreira profesional para o persoal laboral da AEAT (con recoñecemento do ano natural a efectos económicos e de promoción ao persoal fixo descontinuo ou aquel que tivese dita condición)
  3. Negociación dun modelo propio de Teletraballo
  4. Negociación das condicións laborais e retributivas do modelo de información e asistencia
  5. Negociación dos horarios especiais (H10, H24, …)
  6. Negociación de todas as produtividades da AEAT
  7. Declaración de Vixilancia Aduaneira como profesión de risco.
SIAT, UGT, CSIF, CCOO e CIG seguiremos pechados na Dirección Xeral da AEAT e estenderemos devanditos peches nas sedes das Delegacións Especiais, sen descartar a convocatoria de folga.