DELEGADOS SINDICAIS PECHANSE NO DEPACHO DA DIRECTORA XERAL DA AXENCIA TRIBUTARIA

Mércores, 05 Xun 2024

Un grupo de delegados sindicais de UXT, SIAT, CSIF, CCOO e CIG pecháronse no despacho da Directora Xeral da Axencia Tributaria ante a falta de resposta ás demandas expostas polos traballadores no conflito declarado o 4 de abril.

Madrid, 5 de xuño de 2024. O conflito declarado por UXT, SIAT, CSIF, CCOO e CIG segue bloqueado pola falta de iniciativas da Dirección da Axencia Tributaria. O Acordo de Carreira Administrativa e Profesional segue sen reactivarse, o Convenio Colectivo denunciado en setembro de 2022 segue sen ser negociado, os delegados territoriais seguen extorsionando aos traballadores e traballadoras para que participen no proxecto de Información e Asistencia fóra da súa xornada de traballo, o persoal de Vixilancia Aduaneira segue sen ser recoñecido como profesión de risco, etc. En máis de dous meses de conflito non houbo nin un só avance. Lembremos que este conflito estivo precedido doutro declarado en setembro de 2022 e pechado o 8 de marzo de 2023 nun documento de acordo que recollía compromisos da Directora Xeral, todos eles incumpridos unha vez finalizado o prazo que acordaramos as partes.
Paralelamente, a AEAT segue a perder sentenzas que poñen de manifesto que actúan fóra de lei, como se demostrou na recente sentenza da Audiencia Nacional que declara ilegal a última convocatoria de mobilidade de inspectores, ou cos centos de sentenzas que perdeu a Axencia de reclamación de trienios que supuxeron miles de euros de fondos públicos en costas para a AEAT e miles de euros para os traballadores que han de contratar avogados e procuradores para solicitar o amparo da xustiza ante os abusos da Dirección da Axencia.
UXT, SIAT, CSIF, CCOO e CIG denuncian o abandono de funcións do Secretario de Estado de Facenda (Presidente da AEAT) que, tras dous anos no cargo, segue sen recibir aos representantes dos traballadores