Fin do conflito: reaberta a negociación colectiva. Para a CIG é irrenunciábel a reserva de provincia

Venres, 22 Nov 2024

Desde as nove da mañá de onte até as doce e media de hoxe durou a mesa de conflito para atinar cunha saída do conflito que resultara satisfactoria para todas as partes

O principal punto de desacordo no serán de onte era ofrecer as garantías necesarias para reverter as decisións unilaterais da Dirección da AEAT no tocante á promoción interna ao Corpo Técnico (CTH) e a correspondente xudicialización dos asuntos que non negociara
Desde a CIG -e desde outras organizacións- vimos advertindo nos últimos meses que é unha falacia dicir que a promoción interna obstaculiza a mobilidade por panel do Corpo Técnico. E puxemos enriba da mesa no seu momento os datos das catro provincias galegas (das máis "caras" en puntos para obter praza en panel) nos últimos anos para demostralo
Exixiamos unha garantía escrita tanto de cumprimento dos acordos subscritos por parte da AEAT como a volta ao punto de partida para dar por boa a saída ao conflito. Na tarde de onte logramos o primeiro e nesta mañá a Directora de Departamento de RRHH abriuse ao segundo, ofrecendo incorporar un acta como anexo ao documento de saída do conflito que clarificase os compromisos que asumían no relativo á reserva de provincia nos procesos de promoción interna ao Corpo Técnico. Pero tanto SIAT como UGT vetaron calquera cambio ao documento que, recoñeceron, achegaran coa Dirección antes do inicio da xuntanza
Non é o cometido da CIG facer unha valoración nin das motivacións, nin dos intereses que poidan subxacer, nin dos argumentos ofrecidos por uns e outros, nin é o que se agarda de nós. Mais o certo é que se non hai un documento acompañando ao acordo de saída do conflito que deixe claro os compromisos que de xeito verbal asumiu a Directora do Departamento de RRHH no relativo á reserva de provincia é polo expreso veto de ambas organizacións argumentando que suman maioría dentro do conflito e non admitían o cambio de "ni una coma". Agora que non hai conflito, tampouco teñen maioría...
Na CIG xa demos por finalizado o conflito hai moito tempo, posto que sen unha postura de unidade da parte social diante da Administración pónselle todo moito máis de cara a esta. E obviamente xogou as bazas para perseverar na división da parte social que se lle ofreceu en bandexa. Desde logo non foi por nós
Entendemos, e así o vimos dicindo nos últimos meses, que precisamos un Acordo para dar resposta a todos os problemas laborais e retributivos que hai na Axencia Tributaria, que urxe atallar a perda de poder adquisitivo das persoas que nela traballamos e dar unha expectativa de desenvolvemento profesional para todas. Mais tamén entendemos que non serve calquera acordo
Por iso tentamos, na medida das nosas posibilidades, sacar o compromiso escrito aínda que fose nun documento anexo, sobre o retorno aos criterios de sempre na promoción interna nas promocións afectadas por este cambio de criterio unilateral da Dirección da AEAT (que foi vetado). Advertindo, ademais, como fixemos na negociación do Acordo de Carreira do pasado ano, que para a CIG manter a reserva de provincia é unha liña vermella e que non pasamos por que o funcionariado galego teña menos dereitos que o de Madrid
O documento de saída ofrece unha vía para retomar a negociación do convenio colectivo, a carreira administrativa, o réxime de teletraballo e os demais puntos contidos na declaración de conflito
A CIG está disposta a sentar e negociar, a aportar a nosa perspectiva e achegas como fixemos o ano pasado e como vimos facendo sempre. O que non vai facer a CIG é dar por bo que se retallen dereitos que están consolidados porque somos conscientes de que nesta negociación está en xogo o deseño das condicións de traballo da AEAT para os próximos lustros e iso exixe seriedade e rigor, non golpes na mesa, e xenerosidade por todas as partes