Función Pública quere que asinemos unha OEP que só existe na súa cabeza.
Este 22 de abril, na Mesa General de Negociación de la AGE, a Dirección Xeral de Función
Pública intentou pechar un acordo sobre a OEP 2026 sen presentar nin un só documento.
Asistimos a un novo episodio de negociación sen contido real, onde o único que se puxo
enriba da mesa foi discurso.
Si, NON É UNHA BROMA, queren acordo pero sen ensinar as cartas.
A Administración chega a esta reunión tras varias xuntanzas previas nas que xa quedara en
evidencia unha dinámica preocupante, non hai datos, non hai documento e non hai
proposta concreta. E, lonxe de corrixir esta situación, decide profundar nela. Mantense a
negativa expresa a facilitar información básica como o número de prazas, a súa distribución
por corpos, territorios ou ámbitos, ou o seu impacto real nos servizos públicos. E, aínda así,
fala de chegar a un “acordo nas liñas xerais”.
O que están pedindo non é negociar é asinar ás cegas.
Mentres tanto, repiten o discurso de sempre, creación de emprego, reforzo de sectores
prioritarios, emerxencia climática, etc, todo moi bonito, pero sen unha soa cifra que permita
saber de que estamos a falar. Pura propaganda administrativa.
Chegan incluso a presentar como “compromiso” convocar as OEP atrasadas de 2023 e
2024, cando en realidade o que fan é evitar que caduquen. É dicir, venden como avance o
que é simplemente cumprir pola mínima.
Recoñecen problemas graves (prazas sen cubrir, promoción interna fracasada, procesos
eternos) e a solución?. Máis informes, máis grupos de traballo e cero medidas reais. A
Administración diagnostica pero non cura. Preténdese que as organizacións sindicais avalen
unha OEP da que non se coñece o contido, sen datos, sen memoria e sen garantías.
Pidennos confianza, pídesenos que creamos e pídesenos que asinemos. Pero a
negociación colectiva non funciona así, sen cifras non hai análise, sen datos non hai control
e sen información non hai negociación. O que hai é, simplemente, un intento de conseguir
un cheque en branco.
Desde a CIG témolo claro que isto non é unha negociación, é unha pantomima e que o
que se está a producir é unha teatralización.
Pretender pechar unha OEP sen datos non é só unha falta de seriedade, é unha falta de
respecto ás organizacións sindicais e ao propio persoal público.