Goberno e sindicatos estatais, un circo con entrada gratuíta

Venres, 23 Xan 2026

 Enteramonos pola prensa que o 21 de xaneiro de 2026, CCOO e UGT volveron sentarse con Función Pública para continuar o circo, despois de quedar en evidencia polo acordo que asinaron e que, unha vez publicado no BOE, non aseguraba absolutamente nada.

Agora o Goberno recoñece o que xa sabiamos, as 35 horas “serán se hai Orzamentos”. É dicir, papel mollado, fume e propaganda.

O que se vendeu como dereito era só unha promesa condicionada, sen calendario nin obrigas. O que se anunciou como avance era un engano consciente.

A actuación do Goberno é unha burla ao persoal público, pero a actitude de CSIF, CCOO e UGT é aínda máis grave, submisión bochornosa, silencio cómplice e disposición permanente a asinar o que lles poñan diante para salvar a foto.

Non hai negociación real, hai escenificación. Non hai avances, hai maquillaxe. Non hai defensa do persoal público, hai obediencia.

O persoal empregado público merece respecto, non este espectáculo indigno.

Mentres o persoal público continúa acumulando anos de perda de poder adquisitivo, e as administracións cada vez máis baleiras de persoal, CCOO, UGT e CSIF preséntanse diante da opinión pública coma se acabasen coa fame no mundo… por conseguir un calendario de reunións.

Na CIG preguntámonos se é que se confunde a acción sindical coa xestión de axendas. Porque mentres outros celebran o feito de sentarse, nós seguimos reclamando que se cumpla o artigo 34.1 do Estatuto Básico do Empregado Público, é dicir, negociación real e transparente nas mesas que corresponden, non cafés a porta pechada con notas de prensa de autopromoción. Dende a CIG dicímolo claro, isto non é negociación colectiva, é circo.