35 HORAS !!!, reivindicación histórica da CIG e motivo de exclusión das comisións

Xoves, 29 Xan 2026

Por qué a CIG non participa nas comisións de seguimento onde se está a falar da implantación das 35 horas

A CIG non acepta participar en acordos nin en órganos derivados deles cando estes consolidan a perda de poder adquisitivo do persoal público e utilizan a negociación como mecanismo de chantaxe.

As comisións de seguimento destes acordos están reservadas exclusivamente ás organizacións asinantes (CSIF, UGT e CCOO), deixando fóra de xeito deliberado aos sindicatos (CIG e ELA) que non compartimos o seu contido, especialmente no relativo ás materias salariais. Trátase dunha decisión política que pretende penalizar a discrepancia e castigar a quen non acepta acordos regresivos.

A nosa ausencia destes acordos e das súas comisións non responde a unha falta de vontade negociadora, senón á defensa dunha negociación real na que o salario non se utilice como moeda de cambio.

Neste contexto, está a debaterse a redución da xornada a 35 horas nun órgano pechado e condicionado, do que se exclúe a quen non acepta unha suba salarial insuficiente. A implantación das 35 horas non pode negociarse como apéndice dun acordo regresivo nin utilizarse para lexitimar pactos cos que non estamos de acordo.

A CIG defende as 35 horas,

• nas mesas de negociación correspondentes,

• sen contrapartidas salariais,

• e sen vetos nin exclusións sindicais.

Aceptar participar nesas comisións suporía aceptar o marco do acordo e o seu chantaxe implícito, “ou asinas o recorte salarial, ou quedas fóra das negociacións doutras materias”. A CIG non entra nese xogo.