35 horas si, pero non así!!!
Onte 23 de marzo reuniuse a Comisión Permanente de la MGNAGE (Art. 36.3 TREBEP), para tratar de pechar o acordo de implantación das 35 horas.
A CIG quere deixar claro, unha vez máis, que está plenamente a favor da implantación real da xornada de 35 horas semanais na Administración Pública.
Trátase dunha reivindicación histórica, xusta e necesaria para mellorar as condicións laborais do persoal e garantir uns servizos públicos de calidade.
Porén, o borrador case definitivo que nos presenta Función Pública está moi lonxe de cumprir ese obxectivo. A proposta deixa a xornada de 35 horas sen blindaxe xurídica, limitándose a remitila a unha futura instrución da Secretaría de Estado de Función Pública, apoiándose na referencia existente na disposición adicional 144 da Lei de Orzamentos de 2018. Isto significa que, no mellor dos casos, podería recollerse nunha futura Lei de Orzamentos, unha norma de carácter anual e sometida a condicionantes políticos. A CIG solicita que se modifique no EBEP para que sexa extensible a todo o persoal da administración pública.
Para a CIG, isto non consolida ningún dereito. Ao contrario, supón deixalo nunha situación de absoluta precariedade xurídica, sen garantías de estabilidade nin continuidade.
Ademais, a proposta evita compromisos reais. Non establece prazos claros, non fixa obrigas concretas nin incorpora mecanismos de control ou cumprimento. Todo queda aberto a futuras “adaptacións”, interpretacións e decisións dos distintos departamentos ministeriais da Administración Xeral do Estado.
O resultado desta indefinición levaranos a unha aplicación desigual da xornada de 35 horas, con criterios diferentes segundo o ámbito, o centro de traballo ou o departamento.Pero hai máis. A propia Administración recoñece que calquera medida que teña impacto económico pode atrasar ou condicionar a súa aplicación. Isto evidencia que non existe unha vontade real de implantar as 35 horas con carácter efectivo, xa que calquera avance queda subordinado a criterios orzamentarios.
Tamén deixa nas mans das organizacións sindicais a obriga de pelexar caso a caso para garantir a súa extensión a toda a AXE Diante desta situación, a CIG quere ser rotunda, non imos aceptar unhas 35 horas sen garantías.
Defendemos unha xornada real de 35 horas semanais, con carácter efectivo, recollida nunha norma estable e con rango suficiente; de aplicación en toda a Administración Xeral do Estado, e acompañada da necesaria dotación de persoal para garantir a prestación dos servizos públicos.